Feijóo, Rajoy e a incompetencia

Xosé Manuel Beiras, portavoz de AGE, considera que os resultado da xuntanza dos dous presidentes do PP é “unha patética declaración de incapacidade” do xefe do Executivo dunha nacionalidade histórica

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2013.- Para o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, o resumo da xuntanza que esta mañá mantiveron Alberto Núñez Feijóo e o seu correlixionario no PP, o presidente do Goberno central Mariano Rajoy, resulta nidio: “É unha patética declaración de incapacidade, en que un presidente dunha nacionalidade histórica con competencias que non está usando dedícase a botar balóns cara arriba”. “Ao final”, engade, “o señor Núñez é un correveidile, que vai practicar o ‘si, bwana’ con Rajoy”.

As mostras de que a Xunta do PP non esgota as capacidades competenciais para as que está deseñadas son abondosas. E a información que transcendeu logo da xuntanza co presidente Mariano Rajoy contén varias. De “fariseísmo e hipocrisía” cualifica Beiras que Feijóo vaia solicitar a Madrid que se prolongue o período de arbitraxe para os afectados polas participacións preferentes. “Ese fariseísmo faise máis ostensíbel cando no último pleno do Parlamento de Galicia, o PP rexeitou iniciativas da oposición a este respecto”, engade, “mesmo rexeitou a constitución dunha comisión de seguimento da arbitraxe no Parlamento de Galicia. É totalmente surrealista, cómico se non fose tráxico, que o señor Núñez lle pida a Rajoy algo que nega na Cámara galega”.

Esta “deixadez absoluta de funcións” tamén a transmite o outro gran logro do que presume ultimamente Feijóo: que Galicia non acudise ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA). “O que ten que facer o señor Núñez é explicar as vantaxes e os custes de tomar esa decisión para a maioría social”, afirma Beiras. Alternativa vén de presentar unha emenda de adición a unha iniciativa do PSdeG, que o grupo parlamentario de AGE apoiará, para que o PP explique a xestión da débeda e as consecuencias da decisión de non solicitar o rescate. “Eles argumentan que pedilo significaría perder autonomía, pero logo rexeitan medidas para aumentar a autonomía fiscal de Galicia”, puntualiza o portavoz de Alternativa.

Tampouco emprega Núñez Feijóo os resortes cos que aínda conta o minguado autogoberno galego para combater a crise industrial no país. “Co naval, o pitorreo chega a extremos inauditos, é ir de oca en oca”, sinala Beiras, quen lembra que o Estatuto de Autonomía vixente permite á Xunta ter competencias nas empresas públicas. En Navantia, por exemplo. “Mentres non se exerzan esas competencias, todo é lume de biqueira e fume de leña verde”, considera o portavoz de Alternativa, antes de concluír sobre a tan cacarexada reunión entre Feijóo e Rajoy: “Nunha revista de humor poderiamos escribir ‘papá, papá, que voy a ser bueno, a ver si me traes un regalito”.

 

 

Relacionados