Alberto Núñez Feijóo reuniuse antes coa patronal dos hospitais privados que coas traballadoras e traballadores públicos para lles explicar os recortes.
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) alerta de que a inclusión dos servizos sanitarios privados na carteira do Sergas constituiría un grave ataque contra o dereito das galegas e dos galegos a unha sanidade universal, pública e gratuíta no momento da prestación. E alerta porque o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a súa conselleira do ramo, Rocío Mosquera, reuníronse esta semana coa Asociación de Hospitais Privados de Galicia (Ahospgal), que trasladou aos gobernantes do PP a súa proposta para aglutinar nunha única carteira servizos públicos e privados.
“De producirse este feito”, avisa a deputada de AGE encargada das materias sanitarias Eva Solla, “trataríase dun paso máis cara á privatización dos servizos sanitarios en Galicia”. O plan da patronal dos hospitais privados consistiría en que o paciente puidese acceder por igual aos servizos destas empresas privadas ou á sanidade pública. É dicir, considera Solla, “competindo co público e recibindo por riba as subvencións do Sergas”.
Alternativa lembra que Ahospgal representa, como di a súa normativa, as empresas que a compoñen e, polo tanto “defenden intereses empresariais e non a saúde das galegas e dos galegos”. “Que o presidente e a conselleira se reúnan antes cos propietarios dos hospitais privados que coas traballadoras e traballadores sanitarios públicos xa indica cales son as súas prioridades”, sinala a parlamentaria Eva Solla.