Santiago de Compostela, 29 de maio de 2013.- As mentiras de Alberto Núñez Feijóo, o amigo do contrabandista Marcial Dorado e presidente da Xunta, non cesan. Esta mañá, e faltando de novo ao respecto dos grupos da oposición, o señor Núñez continuou estendendo un manto de silencio sobre as súas relacións con Dorado. “Recoméndolle de novo a lectura un libro clásico, A arte da mentira política”, indicoulle a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Yolanda Díaz, “porque vostede afirmou, hai hoxe 15 días, que se destruíran os documentos dos contratos das empresas Marcial Dorado coa Xunta porque pasaran dez anos”. Por resposta non obtivo nada, fóra da habitual restra de embustes, ataques á oposición, medias verdades e propaganda gris –aquela que consiste en dicir mentiras a sabendas de que son mentira. E unha nova vía de auga no seu relato: resulta que agora, afirmou Feijóo, non houbo destrución de documentos. Xusto o contrario do que argumentara no pleno anterior.
Pero é que a colección de faltas á verdade de Núñez Feijóo comezou o mesmo día en que se publicaron as fotografías das súas travesías e viaxes acompañado de Dorado. Así llo lembrou Yolanda Díaz, entre os berros alporizados das bancadas do PP. “Como é que vostede coñecía tan ben a trama de empresas do narco?”, preguntou Díaz, “que non se chaman precisamente Dorado SL”. “Por que entregou unha lista de cartos de contratos da Xunta a estas compañías”, engadiu, “e xustamente faltaban os da Consellaría de Sanidade, na que vostede era número dous?”. A viceportavoz de Alternativa rematou acusando ao presidente de mentir ao Parlamento e a Galicia: “É un César que minte continuamente nesta Cámara, vostede non pode seguir, que corra a lista do PP”.