Ferrol, 10 de marzo. Día da Clase Obreira Galega

[Ferrol] Como cada ano, o 10 de marzo conmemórase o día da clase obreira galega. Esta é unha data clave na nosa memoria. No ano 72, viviuse en Ferrol, quizais, o momento máis complicado da loita de clases. Os traballadores de Bazán, en plena ditadura, rebeláronse fronte as condicións laborais nas que estaban a traballar. As protestas leváronse dúas vidas por diante, as de Amador e Daniel, e medio centenar de feridos.

Dende aquela, non esquecemos, e todos os anos unímonos de novo para reclamar melloras laborais, xa que por moito que pase o tempo a clase traballadora segue sendo a última prioridade nas axendas dos gobernantes que prefiren render pleitesía ao capital.

Este ano, podémolo comprobar pola desidia que amosan as diferentes administracións cara a nosa comarca, sen destinar recursos, nin investimentos a un territorio que está a esmorecer vendo coma desaparece o seu tecido industrial e sen carga de traballo nun sector, o naval, vital para a súa subsistencia, deixando así sen emprego a miles de veciños e veciñas da nosa contorna.

Esquerda Unida Ferrol xa se pronunciou en numerosas ocasións reclamando a construcións dun buque en Ferrol, a modernización dos astaleiros, a construcións das F-110, a reconversión cara o espazo das enerxías verdes e a necesidade dun plan a longo prazo cun orzamento consignado que supoña oportunidades de futuro para unha comarca que non podemos deixar caer.

Por todo elo, EU Ferrol celebra á unidade sindical e apoia a folga e manifestación convocadas para o vindeiro 10M, do mesmo modo que chama á responsabilidade en canto a cumprir todas as medidas de seguridade neste tempo de pandemia. A crise que atravesa Ferrolterra é grave e pode supoñer que nos convertamos nunha cidade pantasma chea de precariedade ou nunha cidade de oportunidades e futuro onde a xente moza poida desenvolver a súa vida con dignidade.

Este 10M a loita obreira segue viva.

Relacionados