Ferrol. Ensino Público

 

Nun pequeno encontro con xente nova da universidade, o candidato Xosé María Dobarro adiantou a primeira iniciativa a desenvolver no Congreso en materia de universidade no próximo mandato: a desafección de diferentes  terreos militares de Esteiro para ampliar o campus universitario:

        o cuartel de Esteiro

        o cadro pequeno

        a residencia militar de oficiais

        a parcela do INVIFAS

 

Estes catro elementos permitirían unha ampliación do campus universitario de Ferrol, necesitado de investimentos que o desenvolvan. A outra das inquedanzas da xente nova que recolleu o candidato de EU foi a referida a creación da residencia universitaria pública, que resta na parálise a conta do estrangulamento do financiamento universitario. Dobarro sinalou que será a outra prioridade do Grupo no mandato que vén.

 

Esquerda Unida – Os Verdes  avanzou no transcurso do encontro as liñas programáticas clave para artellar un fornecido sistema educativo público,mediante a promulgación dunha lei de Medidas para a Extensión  e mellora da Educación Pública  que contemple:

        Aumento orzamentario de alomenos un 1% para dotar de plantillas e recursos pedagóxicos necesarios para que os centros públicos recuperen a centralidade da rede pública no exercicio do dereito á educación.

        A constitución dunha única rede de centros de titularidade e xestión pública, coa programación temporal de supresión dos concertos mediante a súa incorporación á rede pública ou a súa renuncia a recibir fondos públicos.

        A afirmación do principio de laicidade para que a relixión reste confinada ás igrexas.

        Recuperación do poder adquisitivo do profesorado, constituído como corpo único de docentes, aumento de plantillas e elaboración participada dun estatuto docente.

        Creación de comisións de escolarización centralizadas para evitar calquera discriminación na selección do alumnado.

        Participación efectiva da comunidade educativa, declarando deber público inexcusable a asistencia das nais e pais  ás xuntanzas programadas  nos centros.  Proceso de descentralización dos distritos escolares e plus de autonomía nos centros para abordar a súa problemática e contesto específica.

Os elocuentes e estarrecedores datos de desemprego, pobreza e abandono escolar esixen das administracións públicas, Xunta e Ministerio un esforzo coordinado para pular de maneira ambiciosa pola educación como ferramenta de inclusión social e útil emancipador en tanto que xeradora de consciencia crítica.

A candidatura de EU – Os Verdes, noutra orde de cousas, lamenta o falso debate que Rajoy e Rubalcaba escenificarán esta tarde, moedas devaluadas dun Jano bifronte que van xesticular para dar a impresión de non ser copias obedientes do programa emanado dos mercados capitalistas.

 

Relacionados