O Grupo parlamentar comprométese a presentar unha primeira iniciativa para garantir que se complete a eliminación da simboloxía fascista e asociada á ditadura que resta na nosa cidade, nomeadamente o caso do rueiro do Arsenal ou o busto da estatua adicada a Camilo Alonso Vega, militar sublevado contra a legalidade republicana, que ocuparía responsabilidades como ministro da gobernación cando o réxime asasina a Julián Grimau, militante do PCE. A coalición de esquerdas e ecoloxista sosterá a revisión da actual lei para que na súa reforma se derroguen os xuízos e sentenzas políticas da ditadura, entre outras medidas destacables.
A redación dunha nova lei electoral que garanta a igualdade do sufraxio e a proporcionalidade, situando como circunscrición a comunidade autónoma ou o desenvolvemento das novas ferramentas da democracia participativa, con referenda para as cuestión importantes e aquelas que non se reflictan nos programas electorais son claves para superar o afastamento da cousa pública que se produce hoxendía e para superar a crise de lexitimidade do actual réxime. Hogaño a democracia está bastardeada a causa dunha lei electoral inxusta, uns recursos económicos desequilibrados e unha presenza informativa distorsionada polas grandes corporacións comunicacionais que secuestran a pluralidade e a obxectividade que afirma a Constitución.
Esquerda Unida – Os Verdes considera chegado o tempo para rematar co tabú e a opacidade que reina sobre a monarquía herdada do franquismo. O penúltimo escándalo de corrupción que afecta á familia do xefe do Estado enfronta á xustiza coa esixencia de superar os atrancos derivados da sobreproteción desa familia para coñecer e xulgar do caso. Presentaremos unha proposta de lei integral anticorrupción que achegue a figura do enriquecemento ilícito, e que contemple a medida cautelar da demisión do todo cargo público imputado.
Para avanzar na transparencia queremos aprobar unha lei de Acceso á Información Pública, que lle entregue novos dereitos e mecanismos de información á cidadanía. Non hai cidadanía sen información completa e veraz.
Outra das medidas estrela será a aprobación dun pacto de financiamento local, que entregue recursos acrecidos aos concellos para fornecer a súa autonomía e a prestación suficiente dos servizos públicos derivados das competencias propias e “impropias”. O poder local, primeira administración coa que se relaciona á cidadanía necesita recursos e transparencia e queremos contribuír a elo.
Inxerido na proposta de reforma do Estado, EU – Os Verdes afirma o valor da solución federal para garantir igualdade e liberdade na prestación dos servizos públicos á cidadanía e na profundización do autogoberno nacional para o noso pobo. Estado federal que queremos tamén republicano para o cal imos seguir a traballar para sementar o ideario republicano na nosa cidadanía. A República supón un compromiso certo co mundo do traballo, coas loitas pola igualdade da muller e pola afirmación laicista da nosa sociedade. “A república é o noso porvir”, segundo se recolle no programa da coalición de esquerdas.