Fextexos vs ciencia e tecnoloxía

O grupo municipal Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que en plena crise e con recortes en servizos básicos, a dotación no 2013 para o IMCE alcanza a cifra record de 6,3 millóns, moi superior incluso aos anos de crecemento económico cando aínda non había crise. Mentres case calquera demanda de investimento desestimase alegando “criterios de prioridade e dispoñibilidade presupostaria”, a dotación para a organización de espectáculos e contratación de artistas recibe coa derradeira modificación un gran reforzo, logo duns orzamentos caracterizados polo enorme gasto en festexos e un primeiro modificativo no que cuarta parte do importe, 2,2 millóns, dedícanse a festexos e turismo. Este aumento por moito que o PP coruñés o vista de “plan de dinamización social e económica da cidade” enmárcase na política do pan e circo e amosa con claridade a política dun goberno municipal carente de ideas, que so sabe gastar en espectáculos, renovar firmes e facer campañas de turismo.

Mais esta tendencia non é so do ano 2013, senón que é o selo de identidade do PP dende que chegou a María Pita, así por exemplo con orzamentos similares para ambas partidas en 2010, en 2012 a divulgación científica e técnica sufriu un recorte 68 veces maior que o que afectou ao Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). Resulta especialmente salientable o recorte en divulgación científica, para unha cidade que ten nesta un símbolo e un patrimonio acadado ao longo de moitos anos, facendo a nova política que perigue a obtención rendemento do traballo anterior.

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal do PP compromete un 30% máis de cartos para festexos que para ciencia e tecnoloxía. No ano 2010 a inversión en divulgación científico técnica era un 10% superior ao gasto en espectáculos. Unha sinal dunha orientación da cidade cara a ciencia. En 2013 a proporción é a inversa, ao ter comprometido o concello un 30% máis de gasto en espectáculos que en divulgación científica, un abandono do modelo de estímulo da ciencia e as novas tecnoloxías.

O voceiro de EU-V, César Santiso, rexeita a sobredimensión do orzamento de espectáculos e afirma que: “a prioridade na inversión cultural debería ser aproximarnos a Sao Paulo máis que a Benidorm, o que non significaría renunciar ao turismo, xa que contamos con moitos dos vimbios para converternos nun atractivo polo tecnolóxico, o que melloraría moito a situación económica da cidade, pero precisamos dunha planificación seria, inversión e visión de conxunto para dar este paso”.

Relacionados