Financiamento do sector naval

A deputada Consuelo Martínez denuncia a situación límite en que se atopan os estaleiros da ría de Vigo e esixe unha empresa pública para avalar contratos con Pemex

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2013.- A situación dun dos sectores chave da economía galega, o naval, é límite. Os estaleiros da ría de Vigo, por caso, atópanse en mínimos históricos de actividade. “A falta de avais para a construción dun dos floteis de Pémex e de carga de traballo no mercado das reparacións”, denuncia a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Consuelo Martínez, “condena a este sector estratéxico para Galiza á pobreza e á emigración”. En 2008, no sector naval da bisbarra viguesa traballaban directamente 13.500 persoas. Na actualidade, fano 2.700. Todo mentres a Xunta de Alberto Núñez Feijóo non sabe máis ca botar balóns fóra e responsabilizar ao bipartito, ao Goberno de Zapatero, a Europa ou, se un se despista, ao Executivo de Obama.

Pero a realidade é outra. A ría de Vigo agarda con expectación a resolución do comisariado europea de Competencia sobre o antigo tax lease. De ter os estaleiros que devolver esas axudas -2.600 millóns de euros-, a maioría veríanse na obriga de pechar. A situación, cualifica Martínez, “é de emerxencia social, porque esta comarca xa soporta un alto índice de desemprego”. A única vía de saída, considera a parlamentaria de Alternativa, é que Galiza conte cun sistema propio de financiamento para o naval e así poida resolver a cuestión da retroactividade das axudas europeas. En concreto, a solución á contratación do flotel de Pemex, paralizada pola falta de avais, podería consistir, explica Martínez, en que unha empresa de titularidade pública asinase o contrato. O que non pode ser, acusa a deputada de AGE, é que a Xunta faga propaganda con medias verdades que afectan decisivamente a unha das patas da economía galega. “Ningún dos buques anunciados pola Xunta antes das eleccións ocupan as gradas dos estaleiros galegos”, resume Martínez.

Relacionados