En primeiro lugar, EU felicita ós traballadores de Urbaser en Lugo polo éxito das súas reivindicacións. Sen dúbida, a súa mobilización terá importantes e positivas repercusións nas diferentes reivindicacións laborais no actual contexto de recortes de dereitos e políticas de axuste, non so en Lugo e Galicia, senón tamén en todo o estado. Neste sentido, a derrota dos traballadores nesta folga, ademáis da posible confirmación dos despidos e sancións, tería unhas consecuencias nefastas para o futuro dos convenios colectivos, punto clave da contrarreforma laboral do PP.
Por descontado, da folga do lixo poden extraerse moitas lecturas, pero EU desexa facer unha valoración centrada en catro aspectos:
– Desde un punto de vista laboral, é preciso destacar o comportamento da plantilla de Urbaser, da súa unidade e da súa convicción na loita polos seus dereitos laborais. Desde o primeiro momento, EU sostivo que a folga dos traballadores de Urbaser en Lugo excedía o ámbito local e se convertía nun referente frOnte aos intereses dunha gran multinacional como ACS, símbolo do poder das empresas do IBEX 35. Os traballadores soportaron exemplarmente as acusacións de vagos, privilexiados, “enchufados” ou da suposta pretensión de querer ser funcionarios municipais pola porta de atrás. Acusacións sen fundamento manexadas desde os ámbitos políticos interesados na claudicación dos traballadores, que son as primeiras vítimas da súa propia protesta por perder moitos cartos descontados do seu xornal polos días de folga.
– Desde o aspecto político, a folga quedará como modelo de todo o que non debe facer un alcalde. O alcalde debeu exercer desde o primeiro momento como mediador do conflicto entre a empresa e os traballadores. Pola contra, estivo desaparecido nos primeiros días da folga -cruciais para a procura dunha solución- para pasar con posterioridade a un descarado posicionamento a favor da empresa concesionaria. Un comportamento adornado de declaracións altisonantes, xestos despectivos ós traballadores no Pleno, bravuconadas, fanfarronadas e promesas incumplidas. Un alcalde neoliberal que recorreu ao mesmo método que Ana Botella na folga do lixo de Madrid: traer traballadores foráneos, neste caso de Tragsa, para rebentar o dereito dos traballadores á folga.
– En canto ao aspecto empresarial, cabe destacar o comportamento vanidoso e despreciativo dunha empresa que en ningún momento tivo intención de ceder diante das xustas reivindicacións da plantilla, e que recorreu á represión despedindo e expedientando ós traballadores, ademáis de recurrir a prácticas ilegais traendo plantilla e material de fóra da cidade para a recollida do lixo. A empresa Urbaser, filial da multinacional ACS, cobra puntualmente un canon anual de preto de oito millóns de euros, incluíndo a actualización do IPC. E, sen embargo, pretendía establecer rebaixas nas condicións laborais da plantilla.
– E por último, pero sumamente importante, o exemplar comportamento da cidadanía de Lugo, que soportou as consecuencias derivadas dunha folga longa que afectou á súa economía, á súa vida cotián e mesmo á situación sanitaria da cidade. Unha cidadanía que, a pesar da confusión xerada por lecturas interesadas do conflicto, entendeu e foi comprensiva coas reivindicacións da plantilla.
Para EU, o conflicto do lixo en Lugo pon de manifesto a necesidade do rescate público das concesións privadas que prestan servizos municipais, especialmente de servizos tan esenciais e importantes para o municipio como a recollida do lixo, que nunca debera ter sido privatizado. Neste sentido, e despois dos despropósitos cometidos pola empresa Urbaser ao longo deste conflicto, EU faise a seguinte pregunta: ¿que ten que pasar para que o goberno remunicipalice un servizo?
En canto aos recibos do lixo, EU considera inaceptable que se cobre un servizo que non foi prestado por Urbaser, máxime cando existe un acordo plenario de reducción da tarifa. EU estudia a posibilidade xurídica e práctica de chamar á insubmisión da cidadanía no abono do vindeiro recibo.