Folga traballadores Circo Artesáns

Hoxe, o voceiro de EU-V, César Santiso, desenvolveu unha rolda de prensa conxunta cos traballadores e traballadoras do Circo de Artesáns, para denunciar a grave situación que están a vivir as seis familias traballadoras que dependen da institución.

 

Comezou César Santiso, afirmando “solidarizámonos cos traballadores e traballadoras do Circo de Artesáns que están en Folga para reivindicar unha saída a súa situación logo de meses sen cobrar, concretamente a entidade débelles catro pagas e media. Coa que está caendo por mor da crise e dos recortes tanto da Xunta como do Goberno central, ambos do PP, poucos traballadores poden permanecer sen cobrar durante catro meses, como é o caso destas seis familias traballadoras”.

 

Posteriormente Gloria Grillán denunciou que a situación é insoportábel, que teñen que pedir cartos aos familiares para subsistir e que até ten problemas co banco pola devolución dun recibo da hipoteca, no que se lle avisa de que se non paga podería ser embargada e incluída nun arquivo de morosos. Pola súa banda Horacio Mariño indicou que a situación económica da sociedade é insustentábel pois coas cotas, que levan 16 anos sen incrementarse, dos 176 socios ascenden a 3.520 € a razón de 20 euros por socio so chega para pagar as cotas á seguridade social do cadro de persoal desta senlleira sociedade coruñesa.

 

Esquerda Unida solicita ao Concello que axilice o pagamento trimestral para aliviar a situación económica do Circo de Artesáns. Desta maneira a emblemática sociedade coruñesa podería facer fronte a unha importante parte dos 27.000 € de débeda que ten contraída cos traballadores e traballadoras.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes insta ao Goberno municipal a que realice as xestións oportunas para que o ingreso da subvención deste trimestre repercuta integramente no cadro de persoal, porque o Concello non pode permitir que unha sociedade coa que ten asinado un convenio de colaboración polo que recibe 21.000 € municipais, manteña nesta situación de precaridade aos seus traballadores.

 

Santiso remarcou que “aínda que o pagamento trimestral do Concello sexa integro para cubrir as nóminas, non chegará para cubrir toda a débeda, quedando os traballadores e traballadoras sen cobrar un mes e xa empeza maio…”.

Relacionados