Fomento da actividade mineira

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2013.- Unha disposición agochada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe revela que a Xunta de Alberto Núñez Feijóo se atopa decidida a facilitar o espolio e saqueo do país. Porque nela, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a Costa da Morte aparece designada como “zona preferente” para obter subvencións públicas destinadas a “fomentar a actividade mineira”. Na convocatoria de axudas do pasado ano, porén, non figuraba. Na bisbarra da Costa da Morte sitúase, precisamente, Corcoesto, onde unha multinacional canadense pretende extraer ouro empregando métodos altamente nocivos co medio ambiente. Milleiros de persoas protestaron contra ese plan o pasado domingo en Compostela.

“O PP,  través do Goberno da Xunta, impulsa o espolio do país”, critica Sánchez, “e faino a través do DOG e sen dar a cara, nunha actitude cínica e covarde”. Mentres nas anteriores ordes de subvencións para as minas só as provincias de Lugo e Ourense eran “zona preferente”, este ano introducen a Costa da Morte e tamén os concellos de Ferrolterra como obxectivos preferentes para instalar explotacións mineiras. Trescentos mil euros de todas as galegas e galegos irán destinados a facilitar o saqueo ambiental e social de Galicia xusto, ademais, cando o mantra da austeridade serve de escusa a Feijóo para esganar os servizos sociais, educativos e sanitarios.

Relacionados