Fomento enerxías renovábeis

 

A devandita normativa establece a supresión dos incentivos económicos para novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da cogxneración, fontes de enerxía renovables e residuos.

 

Esquerda Unida considera que a paralización do desenvolvemento das enerxías renovábeis incide negativamente no cambio do modelo produtivo e a reactivación económica, xerando desemprego, pois ameaza a un sector florecente da nosa economía produtiva que emprega a máis de 30.000 persoas.


Esta decisión supón un freo a un dos poucos sectores industriais onde España é líder, como é o da construción de placas de enerxía solar, xustamente unha das enerxías renovables máis castigadas coa moratoria aprobada. Esta medida é contraditoria coas políticas de enerxía impulsadas desde a UE que piden aos Estados membros o impulso ás enerxías renovables para poder cumprir os compromisos internacionais contra o cambio climático e que, en concreto, obrigan a España a alcanzar un obxectivo do 20% de enerxía consumida con orixe renovable para o 2020, tal e como establece a Directiva 2009/28/CE.


O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “as enerxías renovábeis melloran a competitividade das nosas empresas ao non depender do constante incremento do prezo da enerxía, favorecendo ademais o cambio do modelo produtivo, esencial para reactivar a economía e xerar emprego”.

 

César Santiso afirmou non entender como o Goberno Central non expón outras medidas para reequilibrar os custos do sector eléctrico e rebaixar o déficit do sistema tarifario da produción de enerxía eléctrica como poderían ser a fixación de taxas ás centrais nucleares ou o aumento do canon polo uso da auga dos ríos ás presas hidráulicas en mans das grandes corporacións enerxéticas cuns grandes ingresos económicos inxustificados.


Por outra banda, Santiso subliñou que “a loita contra o cambio climático, con graves consecuencias para a península ibérica, segundo todos os informes científicos, ten unha das súas ferramentas máis básicas na substitución das enerxías contaminantes polas enerxías renovables e xa que logo, os municipios están obrigadas a ser líderes no fomento destas enerxías limpas, como a solar e a eólica, agora afectadas gravemente no seu futuro por este acordo do goberno do Estado”.


O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para que o Pleno do concello inste ao Goberno central a seguir fomentando as renovábeis para reducir a nosa dependenza enerxética, que na súa parte resolutiva di:

 

Primeiro.- O Pleno do Concello da Coruña manifesta a súa total oposición ao acordo do Consello de Ministros do 27 de xaneiro de 2012 sobre a aprobación do Real Decreto-Lei do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo de supresión dos incentivos económicos, para a novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da coxeneración, fontes de enerxía renovables e residuos.

 

Segundo.- O Pleno do Concello da Coruña insta ao Goberno central a que siga fomentando as enerxías renovábeis co fin de alcanzar o obxectivo do 20%, como mínimo, do consumo enerxético con procedencia de renovables para o 2020, no marco dunha estratexia decidida contra o cambio climático que favoreza o cambio do modelo produtivo, esencial para reactivar a economía e xerar emprego.

 

Terceiro.- O presente acordo trasladásese ao Ministerio de Presidencia do Goberno de España, aos grupos Parlamentarios do Congreso dos deputados, aos Grupos Parlamentarios do Parlamento Galego, ao Presidente da Xunta de Galicia e ao Defensor do Pobo Estatal.

Relacionados