Fondo continxencia universitario

Esquerda Unida denuncia que 400 alumnos da UDC verán perigar a súa continuidade na universidade por motivos económicos xa que terán que devolver as axudas das bolsas ao non aprobar os créditos necesarios durante o curso pasado.

As políticas do PP están a someter a un afogamento económico continuo ás universidades públicas, convertendo o ensino superior nun ben de luxo con incrementos desmesurados das taxas e cunha política de bolsas restritiva.

Debido a esta circunstancia, son moitas as estudantes da UDC que terán que facer fronte ao  pago da matrícula sen ter os recursos precisos. Por iso, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón a creación dun fondo de continxencia universitario que permita a estudantes sen recursos continuar a súa formación e que dea prioridade aos criterios económicos na adxudicación das bolsas, así como prorrogar ao máximo posible o prazo para o pago das matrículas, permitir o acceso aos estudantes ao campus virtual e á realización de exames.

Este paquete de medidas sería garante da igualdade de oportunidades para todos e todas, porque estamos falando do porvir deste alumnado. A administración pública non pode facer deixación da súa obriga, xa que a educación superior é un servizo público e ten que poñer en marcha mecanismos que permitan a estas alumnas e alumnos facer fronte ao pago das matrículas.

Nun contexto como é o actual, con miles de galegas e galegos desempregados e cun elevado empobrecemento da clase traballadora a Administración non pode desatender as súas obrigas, mellorando a accesibidade deste servizo básico a todas e a todos.

 

Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “cando nun Estado só poden estudar os fillos dos ricos, marxínase este principio e aténtase contra os intereses xerais da cidadanía”.

Relacionados