p5050459 copiar.gif - 20.62 Kb

Formación ocupacional

 

Situación anómala e inaceptable que compromete a prestación dun recurso formativo, necesario como nunca neste tempo de crise e desemprego, como é a Formación Ocupacional.

 

No entanto as cifras de paro rexistrado e da EPA non cesan de aumentar, a Xunta mantén na parálise esta modalidade formativa na nosa cidade.  Non só non se están a impartir cursos de formación ocupacional senón que a Xunta se embarca nunha campaña de manipulación informativa para deslexitimar as demandas do profesorado destes centros.

 

A Formación profesional ocupacional é unha modalidade para formar a persoas en desemprego, co obxecto de recualificalas para a súa inserción laboral. Esta formación a imparten as persoas que forman parte do catálogo de expertos docentes, que manteñen dende xa hai bastantes anos unha relación laboral coa Consellaría na modalidade de autónomos. Esquerda Unida quere denunciar a situación de restrición destes cursos a parados que non teñan un determinado nivel de estudos entre outras, o que supón unha intolerable situación que deixa dobremente agraviados a persoas que se atopna nunha situación de particular dificultade. Demandamos, xa que logo, que cesen os atrancos e restriccións para acceder a estes cursos.

 

Diante da vontade inequívoca da Xunta de Galicia de proceder a unha progresiva privatización da Formación Ocupacional, a Xunta está a desenvolver unha dupla estratexia consistente en, por unha banda, non contratar nesta anualidade aos expertos docentes do catálogo, de feito tal que na cidade de Ferrol o centro de FP Ocupacional non está a impartir curso algún. Situación inaceptable para unha cidade coas taxas de desemprego que temos.

 

Doutra banda, a Xunta prosegue a liña de concertar os cursos con entidades colaboradoras, ou o que é o mesmo, a privatización desta modalidade formativa. Ámbalas dúas circunstancias, non contratación do persoal experto do catálogo da Xunta  e máis a entrega destes cursos a centros privados, son rexeitados de plano por Esquerda Unida.

 

As sentenzas ditadas  sobre profesorado radicado en Ferrol e Ourense do catálogo de expertos que viñan impartindo a docencia están a negarlle a razón á Xunta de Galicia, ao recoñecer o carácter indefinido da relación laboral deste profesorado. A reacción da Xunta de Galicia vén ditada polas razóns de tentar privatizar este servizo mediante o desvío de cursos a centros privados e logo mediante a supresión dos cursos que se adoitan programar cada ano nos centros destas cidades.

 

 

Esquerda Unida reclama a inmediata recuperación desta modalidade formativa ocupacional na cidade de Ferrol alomenos  coa fórmula que xa rexera nestes anos atrás: poñendo fin a situación de parálise e retornando a contratación do profesorado do catálogo.

Relacionados