Esquerda Unida lanzou esta proposta a pasada semana sen obter resposta do Goberno Municipal, tendo que acontecer o caos dos cortes durante unha semana para que o Goberno Municipal comece a reaccionar e avance como hipótese de traballo a fórmula enunciada por Esquerda Unida.
O noso Grupo Municipal insiste na necesidade e xustiza de que se proceda a determinar unha fórmula que permita compensar á veciñanza polos cortes e trastornos ocasionados. Na Comisión informativa que se celebrará mañán, o noso Grupo avogará por que se acorde a fórmula compensatoria e urxirá a que se proceda de oficio por Emafesa a plasmala no recibo correspondente.
Doutra banda, a nosa organización demanda unha planificación correcta e estrita dos vindeiros cortes e unha supervisión por parte do Goberno Municipal en orde a evitar calquera novo trastorno na vida cotián da veciñanza e do pequeno comercio e hostalaría. Cos precedentes desta pasada semana, a planificación dos vindeiros cortes ten que contar cos medios materiais e humanos suficientes para garantir o estrito cumprimento dos prazos e a supervisión do concelleiro responsable.
Por último, EU entende necesario que a rectificación do Goberno Municipal leve aparellado tamén a depuración das responsabilidades, de xeito que non se poida repetir en adiante unha situación como a padecida a pasada semana. Os erros das empresas e a neglixencia do responsable deste servizo, o Goberno Municipal, non se pode repetir.