Foro Alternativo Participativo

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que diante da pantomima que está a desenvolver o goberno local co proxecto Coruña futura a cidadanía debe reaccionar para construír unha alternativa. Efectivamente o PP non so perdeu 18 meses en iniciar o proceso de definición de cidade, senón que cando decide dar o paso o fai a golpe de talonario. Unha vez máis utiliza fondos públicos para pubilicitarse e xustificar a súa incapacidade e inacción de goberno, malgastando 700.000 € en contratar os servizos dunha empresa americana para facer un traballo que perfectamente podería desenvolverse con medios autóctonos mediante a sinatura de convenios onde participen entes públicos (Concello Universidade, Deputación e Xunta), colexios técnicos e axentes económicos locais. Opción que permitiría promover un clúster tecnolóxico e un centro de decisións local, que permitiría ademais repercutir todo investimento en xeración de emprego para os coruñeses e coruñesas.

Esquerda Unida aposta pola creación dun Foro Alternativo Participativo onde as coruñesas e coruñeses señan os verdadeiros protagonistas do futuro da nosa cidade, xusto o contrario que está a facer o goberno municipal pois o foro cidade de Coruña Futura excluíu ás forzas políticas da oposición, que representan ao 45% dos coruñeses e coruñesas, as asociacións de mulleres para amosar o espírito feminino tan necesario para articular cidades integradoras, solidarias e modernas, ás organizacións ecoloxistas necesarias para acadar unha Coruña sustentable e saudable e ás asociacións veciñais que representan o sentir da veciñanza dos distintos barrios.

Por outra banda non se pode entender por participación o mero feito de encher un cuestionario de 200 preguntas entregado no mesmo momento, onde os representantes das asociacións convidadas tiveron que responder a titulo individual, en lugar de utilizar os mecanismos de participación de cada organización para poder transmitir unha visión colectiva. En definitiva o Foro Cidade de Coruña Futura constitúe un engano á cidadanía, un fraude do goberno municipal que de novo actúa de costas á cidadanía.

Diante desta situación o voceiro de EU-V, César Santiso, anunciou unha rolda de contactos cos movementos sociais, veciñais, ecoloxistas, sindicatos, empresarios, colexios técnicos e forzas políticas para construír o foro participativo que nos permita, de verdade, aos coruñeses e coruñesas decidir que tipo de cidade queremos para vivir no futuro e así, posteriormente, que os técnicos poidan desenvolver o plan estratéxico que se axuste ás necesidades reais da veciñanza.

 

Relacionados