Foro Cívico

 

Silencios e dirixismo buscan derrotar as voces críticas e con opinión propia que en materia de participación cidadá ten a nosa cidadanía para producir unha sorte de morte lenta e indolora nunha cidade que se constitúe como pioneira da democracia participativa no noso país polas iniciativas postas en marcha no anterior mandato municipal.

 

Javier Galán, concelleiro de EU, entende necesario producir un cambio nesa progresiva parálise que atenaza o proceso de participación cidadá. Para contrarrestalo, EU entende necesario artellar unha nova convocatoria cidadá que relance a globalidade do proceso: unha reunión onde participe a cidadanía, as entidades veciñais e as sociais doutro tipo para acordar, sen dirixismo e con toda a información que se está a requerir pola cidadanía, un programa de actuacións que recupere e amplíe o impulso ás políticas de participación cidadá. En resumo, trátase de realizar un Foro Cívico, uns novos Estados Xerais da Participación Cidadá, quen de devolver forza e autonomía a un proceso necesario para fornecer políticas e actuacións de igualdade e solidariedade na nosa cidade.

 

Esquerda Unida contempla con moita preocupación a deriva do PP nesta materia, deriva que consiste en informar de xeito apresurado e sen compromisos á veciñanza. Valga por exemplo o caso da asemblea de San Xoán, onde cunha brevísima información se procedeu somentes a escoller a dúas persoas para o Consello da Veciñanza. A formación ecoloxista e de esquerdas formula outra visión da participación cidadá, a que aposta e supón un formidable proceso de empoderamento da cidadanía, que aprende a tomar decisións colectivas de maneira autónoma a partires dos parámetros da solidariedade .

 

Non se pode facer participación cidadá con dirixismo e sen transparencia e información”, denunciou o que fora responsable da posta en marcha do primeiro proceso de OP,s , na nosa cidade, Javier Galán.

 

En resumo, restan por desenvolver un amplo abano de actuacións nas que Esquerda Unida se compromete a ser un elemento máis de dinamización e apoio para todas elas: constitución e posta en marcha dos órganos do novo Regulamento de Participación; estabelecemento das oficinas en Serantes e Caranza para achegar a administración á cidadanía; a entrega da información pendente e o compromiso do Goberno para completar os proxectos inacabados dos OP,s de 2009 e 2010; e o acordo de artellar, ad futurum, os OP,s no vindeiro ano cunha metodoloxía e consignación orzamentarias cribles e suficientes.

Relacionados