Fracaso campaña de mobilidade

Esquerda Unida tilda a campaña de mobilidade do Concello de mera propaganda electoralista baseada no dispendio de cartos públicos. En lugar de promover a mobilidade sostible mediante accións directas e concisas de concienciación da veciñanza, a campaña, para a cal contratouse a unha empresa, resultou ser un espectáculo populista baseado en concertos, agasallo de camisetas e actuacións infantís.

A campaña en absoluto cumpriu coas expectativas de ser un elemento dinamizador do profundo cambio que necesita a nosa cidade en materia de mobilidade para dar resposta ao caos de tráfico existente. Dende EU-V imaxinamos rúas que deberán estar feitas para seren gastadas de tanto pasealas, con acesos axeitados e con árbores por todas partes, non rúas feitas para que o goberno municipal de quenda as cambie cada dous anos por motivos alleos ao interese xeral.

Asemade resulta fundamental fomentar un transporte público colectivo de calidade, eficiente e económico para que a cidadanía faga un uso masivo del, sen que isto implique seguirlle a outorgar beneficios á empresa concesionaria.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lamenta que a concellería de mobilidade considere un éxito a campaña de mobilidade cando en realidade resultou ser todo un fiasco, basta con observar como unha organización cidadá como a Plataforma pola Mobilidade da comarca da Coruña acadou moita maior atención da veciñanza con actividades alternativas que non supuxeron gasto de cartos e supuxeron un nivel de concienciación moito maior para a cidadanía, como por exemplo a escenificación da iniciativa a nivel mundial do Parking day, ou o ruteiro peonil.

Semella inaudito que a concelleira alave a renovación da flota de autobuses da Compañía de Tranvías, mentres se amosa incapaz de demandar unha implicación maior dunha empresa que acada beneficios millonarios a costa de subvencións municipais, cando está claro que a solución pasa por conseguir un billete moito máis económico que permita acceder a este medio de transporte a toda a cidadanía.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “semella paradigmático que o PP anime a participar a cidadanía mentres limita a participación de colectivos estreitamente vinculados coa mobilidade, como aconteceu co boicot a Plataforma da Mobilidade que ordenou desmontar o acto do Parking day ou as desacertadas declaracións da concelleira de mobilidade en relación coas reivindicación da plataforma en defensa do ferrocarril”.

Relacionados