· O deputado Xabier Ron presentou unha interpelación no Parlamento Galego no que insta a Xunta a realizar as xestións oportunas para modificar o proxecto de lei para que se recollan os danos producidos polos lumes padecidos en Galiza
· Alternativa Galega de Esquerda preguntalle ao goberno galego que actuacións ten previstas para desenvolver e pular pola conservación do parque natural das Fragas do Eume
Santiago de Compostela, 27 decembro de 2012.- O deputado Xabier Ron Fernández do Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda presentou unha interpelación en relación coa política de axudas e compensacións aos espazos naturais aqueixados polos lumes no noso país.
Tal e como explica o deputado os membros do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda saben que está a piques de rematar o trámite parlamentario nas Cortes, para a aprobación da “lei pola que se aproban medidas urxentes para paliar os danos producidos polos lumes e outras catástrofes naturais…” Na súa tramitación o PP vén de desbotar as emendas presentadas en orde a garantir que os lumes que aconteceron en Galicia e que devastaron espazos sobranceiros da nosa terra, caso das fragas do Eume, se poidan beneficiar das axudas contempladas.
O deputado sinala que semella que o ministerio descoñece, refén dunha praxe indiferente e mesquiña, o valor que acubillan as fragas do Eume, cuxa xénese segundo din as lendas provén da creación por un deus dos tres ríos que nacen na serra do Xistral e que recibiron a indicación do deus de achegárense o mar porque terían como premio un home cada ano; o Landro e o Masma se aliaron para enganar o Eume, que confiado deixouse durmir para logo, decatándose do argallo, acelerar a súa marcha furando vales e montes ate producir unha paisaxe inigualable e gañar ao mar o primeiro. Pese no ánimo dos responsables da Xunta, se non os valores científicos, alomenos a afección que os deuses sentiron sempre por esta paraxe, que agora o ministerio desbota incluír na relación de espazos a recibir estas axudas extraordinarias.
O Grupo Parlamentariode Alternativa Galega de Esquerda considera un agravio intolerable para cos intereses do noso país, que esta lei estatal nos discrimine pola vía de marcar un límite temporal arbitrario, de xeito que os diferentes lumes que devastaron en Galicia espazos, que nalgúns casos posúen un valor incomparable, resten sen axuda ministerial algunha. Cómpre lembrar outra vez o dano inflixido por exemplo ás fragas do Eume e a lamentable reacción, tardía e insuficiente, da Xunta de Galicia, para protexer, compensar e pular polo máis importante bosque atlántico costeiro de Europa.
Así mesmo, aseguran non entenden as razóns do Ministerio para excluír a Galicia das axudas, sendo o noso país unha terra onde sufrimos un endémico andazo de lumes, froito da falla dunha política integral forestal, que devolva usos e actividades tradicionais aos nosos montes.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario presentou unha interpelación na que se pregunta a Xunta de Galicia que valoración lle merece a discriminación efectiva da que é obxecto a nosa terra no devandito proxecto de lei ao quedar excluída de facto das diversas axudas que contempla o proxecto de lei; se vai realizar a Xunta de Galicia as xestións oportunas que permitan a modificación deste proxecto de lei a fin de que se recolla un marco temporal que permita satisfacer as debidas reparacións no caso dos lumes padecidos en Galicia; que actuacións vai realizar a Xunta de Galicia para desenvolver e pular pola conservación do parque natural das fragas do Eume; e que outras medidas compensatorias vai executar para coadxuvar a superar os danos provocados polos lumes acaecidos este ano en Galicia.