Fragas do Eume e opacidade

 

Esquerda Unida denuncia a falta de transparencia do Goberno municipal en relación co plan de axuste. César Santiso, manifestouse sentirse decepcionado, abraiado, consternado e indignado diante do escurantismo e falta de espírito democrático amosado polo Goberno municipal. Santiso preguntouse como é posíbel que non apareza na orde do día este punto estratéxico e vital para a política municipal na que temos que decidir como facer fronte a débeda de 7,6 millóns de euros, o que non se levase o devandito punto a comisión informativa. Asemade denunciou que a oposición tan so recibise a información 19 horas do Pleno e, o que é máis grave, que se pretenda cercenar o dereito de Folga, un dereito constitucional que ten toda a cidadanía, incluído por suposto os Concelleiros.

 

O Goberno municipal, coa súa actuación, excluíu ao grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes deste importante debate, xa que como ben sabía o Goberno local, Esquerda Unida apoiaba a Folga Xeral e todos os membros da organización secundan a dita Folga Xeral. Así, Santiso explicou que se negaba a participares nun debate no que o Goberno municipal entregou a documentación na tarde do día de Folga, precisamente “por coherencia coa Folga Xeral, negueime en rotundo a estudar o documento, porque a folga é de 24 h. durante todo o xoves. Se pedimos aos traballadores e traballadoras que secunden a Folga Xeral, como vou a traizoalos e poñerme a traballar durante a Folga?” O voceiro municipal indicou, non obstante, que informaran á cidadanía de todo o concernente co plan de axuste.

 

Santiso tamén lamentou a falta de seguridade que se viviu durante a manifestación da Folga Xeral, “semella lamentábel que durante a manifestación, un evento que congregou a cerca de 100.000 coruñeses e coruñesas nas rúas, non se desenvolvese un dispositivo de seguridade acorde cun evento de tal magnitude. Cando hai partido de fútbol, que mobiliza a 20.000 cidadáns, observamos grandes dispositivos, mesmo na noite da Folga Xeral o despregue policial foi enorme, máis na manifestación o dito despregue brillou pola súa ausencia, nin protección civil, nin ambulancias, nin policía local. Feito que constitúe un claro desprezo por parte do goberno do PP para os milleiros de coruñeses e coruñesas que se manifestaban. Basta dicir como mostra da desidia amosada polo Goberno municipal que en plena manifestación había vehículos atrapados na mesma, mesmo un autobús bloqueaba aos manifestantes nun dos carrís”.

 

Por outra banda, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes achaca a magnitude do desastre ecolóxico das Fragas do Eume á ineptitude e os recortes do Goberno Feijoo ao fronte da Xunta de Galicia. Un Goberno, que vive de costas a cidadanía pechado no seus despachos facendo números para recortar sen saír a rúa e ao monte, incapaz de observar a realidade, incapaz de protexer a nosa riqueza natural, non en vano o 50% dos bosques de España son galegos e constitúen o 25% dos europeos. Así, non é de estrañar a magnitude deste desastre ecolóxico sen precedentes, diante dun inverno de alarmante seca, non se desenvolveron as pertintentes limpezas e podas do noso monte como corresponde debido á falta de medios materiais e humanos nin se activaron os dispositivos correctamente, resultado desta ineptitude xurde a descoordinación e ineficacia que caracterizou esta traxedia colectiva.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, subliñou a miopía dos nosos gobernantes que son incapaces de comprender a oportunidade que supón a protección dos nosos montes para reactivar a economía galega. Neste tempos de crise o coidado dos nosos montes supón unha oportunidade para xerar emprego cun investimento dobremente rendíbel si o Goberno da Xunta habilitase os mecanismos oportunos para darlle un valor engadido a limpeza do monte, coordinado a economía produtiva derivada desta materia prima para xerar enerxía en base a biomasa e mesmo biodiesel, ou para xerar abono orgánico natural en base a compost para utilizar na agricultura galega e obter produtos de maior calidade e máis saudábeis.

 

Relacionados