Fronte antitaurina

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2013.- Vinte e cinco deputados dos tres grupos da oposición á Fronte Antitaurina, cuxos obxectivos explicou esta mañá na Cámara galega o membro de Galicia Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, acompañado polos parlamentarios Patricia Vilán (PSdeG), Antón Sánchez (AGE) e Ana Pontón (BNG). “En Galiza, apenas hai festexos taurinos e o interese social é nulo”, argumentou Pérez, “e só institucións gobernadas polo PP subsidian as corridas”. O activista expuxo que na Fronte tamén se integran outros colectivos, como Libera ou Touradas fóra de Pontevedra. E concluíu atacando á dereita por “suprimir Educación para a Cidadanía e poñer Educación para as Touradas”, en relación á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que o PP tramita no Congreso para declarar Ben de Interese Cultural o maltrato animal.

No grupo do PSdeG asinaron o compromiso coa Fronte Antintaurina porque estar “totalmente en contra do maltrato animal e a favor da súa protección”, afirmou a parlamentaria Patricia Vilán. Para os socialistas, a ILP que se admitiu a trámite no Congreso cos votos favorables do PP ten o seu fundamento na procura de financiamento e de continuar coas subvencións públicas para as touradas. Esta iniciativa tamén invade competencias doutras administracións, nomeadamente a autonómica. Patricia Vilán defendeu a necesidade de protexer a cultura “pero non algo que non é cultura”, como as corridas de touros. Hai moitos bens inmateriais necesitados de protección e que “tanto o Estado como a comunidade autónoma galega, é dicir, o Partido Popular non os atende”, criticou a parlamentaria socialista.

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, relacionou a iniciativa, que fiscalizará parlamentariamente todo o relacionado coa tortura de touros, co progreso social: “Progreso social significa avanzar cara a unha sociedade menos violenta”. E lembrou como o PP sempre se opuxo aos dereitos das persoas e continúan opoñéndose “a unha sociedade menos violenta. Defender a chamada festa taurina é retrógado”. Entre o 33% dos deputados do Parlamento de Galicia que apoian a Fronte Antitaurina non figuran ningún do PP. Sánchez celebrou que a fronte xurdise “dende abaixo” e criticou con dureza “que se gasten cartos públicos para que uns neopaletos vaian á praza de touros fumar un puro”. Segundo os datos manexados por Galicia Mellor sen Touradas, en 2012 houbo 10 touradas en Galicia, oito en Pontevedra e na Coruña. As outras dúas repártense entre Sarria e Padrón.

Na mesma liña, a parlamentaria do BNG Ana Pontón denunciou o apoio económico institucional á “tortura e maltrato animal” e indicou que a Deputación de Pontevedra dirixida polo popular Rafael Louzán é a institución que máis fondos públicos destina ás festas taurinas. “Coa tortura e maltrato animal, dixo, non se fai Cultura” e anunciou que o Bloque seguirá presentando iniciativas destinadas a “erradicar as touradas”. A parlamentaria considerou que o debate no Estado para defender os espectáculos taurinos representa un “retroceso” porque, “o maltrato animal nunca pode ser aceptado como elemento da cultura dun país”. A preguntas dos xornalistas sobre a celebración de festexos taurinos nunha cidade gobernada polo BNG, a deputada explicou que a competencia para suspender esta actividade corresponde á Xunta de Galiza. Ademais, o Concello de Pontevedra “nunca subvencionou” a festa taurina. Pontón concluíu afirmando que en Galiza non existe tradición taurina nin forma parte da nosa cultura.

 

Relacionados