Nesa mesma nota indicaba que se pretendía aplicar ese mesmo tratamento aos eucaliptos de toda Galicia. Este produto será subministrado gratuitamente pola patronal das papeleiras “ASPAPEL”, a Área de Medio Ambiente de EU informa que o produto que se pretende utilizar para as fumigacións masivas do monte galego é, segundo a comisión europea, “persistente, bioacumulable e tóxico”.
Dende EU-V consideramos que antes que os intereses da industria madeireira e do papel deben protexerse a biodiversidade e a saúde da poboación. A praga do goníptero é a consecuencia lóxica do monocultivo do eucalipto promovido durante anos polos distintos gobernos da Xunta de Galicia. Unha solución a longo prazo non pasa por incrementar o uso de produtos contaminantes para controlar unha praga, se non por limitar os monocultivos e recuperar a biodiversidade dos nosos montes, nos que actualmente as plantacións de pino e eucalipto ocupan o 75% da súa superficie.
Esquerda Unida rexeita as tóxicas fumigacións aéreas que a Xunta de Galicia pretende utilizar como tratamento para os eucaliptos. A fumigación masiva de pesticidas contamina acuíferos e cultivos e ademais de eliminar o goníptero tamén o fai con outros insectos, entre os que se encontra a abella, insecto particularmente necesario para a polinización das plantas. Esta práctica polo tanto, por riba de ser nociva en xeral para o medio ambiente, coa eliminación de abellas que produce vai en contra da propia produción agrícola local.
É de resaltar que isto ven a contradicir o manifestado polos representantes da propia Xunta de Galicia que na pasada xuntanza da Mesa da Madeira informaron do incremento nun 164% con respecto a 2011 das soltas da avespa parasitaria Anaphaes nitens para a loita contra o goníptero. Soltan as avespas e logo as matan con pesticidas?
Compartimos as críticas das organizacións ecoloxistas ante as fumigacións con flufenoxuron, produto que debido a súa toxicidade prohibirase a partires de agosto de 2012, segundo decidiu a Comisión Europea o nove de febreiro do 2012.
Ademais, a fumigación por medios aéreos ten o problema engadido da deriva incontrolada da pulverización, polo que a propia Comisión Europea na súa directiva 2009/128/CE considera que a fumigación aérea debe en xeral prohibirse.
Opoñémonos rotundamente a considerar o monte como unha simple fábrica de madeira e á utilización de medios químicos para a eliminación das pragas dos monocultivos.
Esquerda Unida – Os Verdes defende unha xestión alternativa do monte respectuosa co medio ambiente e a biodiversidade, que poña en valor a riqueza natural galega de maneira sostible. Unha xestión que permita un aproveitamento multifuncional (madeira, pastos, biomasa, froitos, micoloxía, apicultura e agricultura) e sostible dos montes, afastada dos intereses miopes e curtopracistas das grandes empresas.