Funcionamento da Illa de S.Simón

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) tras a publicación no DOG da extinción da Fundación Illa de San Simón presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se insta ao goberno galego a elaborar un Plan de Xestión Cultural para a Illa de San Simón en contacto co tecido cultural e artístico do país e en colaboración cos colectivos de recuperación da memoria histórica de Galicia, que inclúa unha planificación anual e unha programación de actividades para o ano 2014 e que garanta o funcionamento da Illa de San Simón como centro histórico, cultural, etnográfico e natural de referencia de Galicia.

Coa publicación no DOG da decisión do Consello de Goberno remata así o proceso de desmantelamento dun proxecto de dinamización do tecido cultural, etnográfico, histórico e natural de Galicia que se iniciou no ano 1998 co Plan Director para a rehabilitación dos espazos e construcións existentes na illa, rematado no ano 2006 despois dunha inversión de mais de 12 millóns de euros. Unha intervención que permitiu acondicionar este incomparable espazo natural e recuperar doce edificacións entre as que se atopan a capela, a vivenda do garda, a residencia Stella Maris, a cafetería e restaurante, a Casa da cultura e deportes do mar, a Casa de Baños, o auditorio multiusos, o edificio de cursos e seminarios e o centro de interpretación e documentación.

Constituída no ano 2007, a Fundación Illa de San Simón estableceu nos seus estatutos entre os seus  obxectivos, a conservación e xestión das edificacións e instalacións existentes, a potenciación dos valores naturais, culturais e paisaxísticos da illa e o impulso da investigación  relacionada coa memoria histórica. Deste xeito e dende entón, este Ben de Interese Cultural pasou a ser denominada Illa da Memoria en recordo dos milleiros de represaliados procedentes de todo o estado que a ditadura franquista recluíu neste lugar no que chegaron a convivir mais de 6.000 presos políticos. De feito, entre o ano 1936 ata o ano 1943, a Illa de San Simón converteuse nun campo de concentración onde ían a parar os represaliados comunistas, republicanos, socialistas e anarquistas apresados para acabar finalmente moitos deles, executados na propia tapia do cemiterio da Illa, frecuentemente en fusilamentos colectivos. Considerado como un dos centros de reclusión mais temibles do franquismo, as persoas alí recluídas vivían amoreadas e baixo unhas condicións de vida inhumanas, propias do que era na práctica, un verdadeiro campo de exterminio.

Mais mentres que noutros lugares do mundo este tipo de espazos son consagrados ó recordo e á memoria das vítimas e se erixen en monumentos contra a barbarie, de xeito que  nunca se esqueza o acontecido, o Goberno Galego dende a súa chegada tentou diluír tales fins e desmantelar o proxecto da Illa de San Simón como Illa da Memoria. Así no ano 2010 o conxunto insular rebautizouse como Illa do Pensamento anticipando  o  progresivo desamparo da Fundación por parte da Administración Galega, que rematou por anunciar a súa desaparición no ano 2012, sendo asumida directamente a súa xestión pola propia Consellería Cultura e Educación.

Mais aló do Netthinking organizado no mes de Abril do 2013 coa presenza da blogueira cubana Yoani Sánchez, nada sabemos da actividade cultural desenvolta na Illa de Simón dende entón. Ningún outro evento aparece no listado da WEB institucional da Illa do Pensamento. Nada previsto no calendario de actividades da WEB para todo o 2013 e tampouco para o 2014. Ante a falla de información sobre o seu futuro, Alternativa Galega de Esquerda solicitou no Parlamento que se aclare cal vai a ser o futuro das instalacións, qué actividade cultural se ten realizada ou se vai ser entregada a algunha empresa afín do PP para ser xestionada ou explotada turisticamente.

Relacionados