Fundación Luis Seoane

Esquerda Unida denuncia que o PP aumenta un 52% a dotación da Fundación Luís Seoane tras caer baixo seu control, mentres que en 2011 reducira un 36% as axudas á fundación ao ter unha directora non afín. Ante esta sospeitosa anomalía, e a posibilidade de que se converta nunha asociación vinculada ao partido, dende EU esiximos un reforzo dos mecanismos de control independente sobre a actividade da Fundación.

Aínda que a intención dos promotores das fundacións está motivada para servir e favorecer á sociedade, algunhas entidades xestiónanse para proveito fiscal, para propaganda ideolóxica ou para desvío de capitais. O noso interese, como organización política transformadora, non pode ser outro que minimizar os riscos de que estas entidades poidan servir como medios interpostos para devolver favores e facilitar prebendas.

Por este motivo, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón unha reforma estatutaria para que a Xunta Directiva da Fundación Luís Seoane sexa elixida polos catedráticos de arte e debuxo da cidade. Propoñemos un consello directivo elixido e integrado por profesorado dos institutos públicos coruñeses e da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, cunha presenza testimonial de representantes do sector público. Creemos que esta proposta debería ser aceptada e aprobada polos cargos políticos da Fundación, como recoñecemento á contribución do profesorado da ensinanza pública e como medida garante da independencia da mesma.

O voceiro de EU-V, César Santiso, afirma que “na política española existe o censurable costume de repartir diñeiro público antepoñendo o amiguismo ao interese social das organizacións, polo que debemos adoptar medidas para erradicalo. Medidas para evitar que tras a aparencia dun fin social, e ao amparo de fins sen ánimo de lucro, se realicen actividades que se distancien de atender as verdadeiras necesidades da sociedade. Utilizar as fundacións de carácter social para fines ilexítimos é unha conduta máis propia de organizacións mafiosas que de responsables políticos”.

Relacionados