🎥 Galicia En Común chama a lograr unha mobilización histórica para ter un Goberno valente

“En Ferrolterra sabemos ben o que son as reconversións industriais porque nunca chegaron. Mentíronnos. Precisamos dun Goberno valente que aposte polos nosos sectores produtivos e non os deixe caer. E se é preciso recatalos, como a Isowat ou Vulcano, aplique o articulo 128 da Constitución, e se rescatan que para iso son os recursos públicos”. Con esta contundencia se manifestaban os deputados e candidatos de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, esta tarde na cidade naval. Foi horas despois de participar na mobilización dos traballadores e traballadoras dos estaleiros na ría de Ferrol que hoxe se botaban de novo as rúas para reclamar carga de traballo para evitar despedimentos no parón que ven vir en poucos meses cando remate a obra do último buque.

Para eles e elas foi o primeiro aplauso do acto, no que tamén se lembrou a protesta dos estudantes de Medicina da Universidade de Compostela e a loita de moitos anos do Comité Cidadá de Emerxencia contra unha planta de gas con cinco sentenzas en contra do Tribunal Supremo que nunca debeu estar dentro da ría.

O centro cultural Torrente Ballester acollía hoxe o acto central en Ferrol, no que tomaron a palabra Gómez-Reino e Yolanda Díaz, xunto con outros membros da candidatura ao Congreso e ao Senado como Loreto Taibo (número dous pola Coruña) e Suso Basterrechea (número tres ao Senado), a avogada e candidata por Madrid, Gloria Elizo como convidada, ademais das deputadas autonómicas Eva Solla e Luca Chao.

“Dame moita tristura ver aos mozos e mozas que traballan nos estaleiros asomarse a un baleiro. Somos unha cidade irmá de Vigo. Mentres nos dicían que rescatar a Vulcano era de comunistas, Escocia acaba de facelo cunha factoría na mesma situación. Francia, Italia con Alcoa e Alemania, salvan aos seus sectores estratéxicos. Precisamos dun Goberno valente, de esquerdas que non deixe caer aos sectores produtivos e cumpla o que promete”, comezaba Díaz.

“Lonxe de estar derrotadas como nos querían na Moncloa, estamos vivas e ben vivas. A xente olfateou o que sae da Moncloa: Pedro non quere Goberno pola esquerda. Xirou a dereita económica. Non todo o PSOE: xirou Pedro Sánchez e nun alarde de soberbia, dixo que a vicepresidenta sería Nadia Calviño, unha das señoras de negro benquerida por Ana Patricia Botín e felicitada polos poderes económicos deste país”, advertía a deputada ferrolana.

Pola súa banda, Gloria Elizo, dicía: “temos que enfrontarnos co peso doutras eleccións á tensión democrática destes anos. Como di o pobo chileno: temos que mudar as cousas ata que a dignidade se faga costume”.

“Sabemos que temos que combater as políticas que nos arruínan. Queremos unha lei que vincule ás pensións ao IPC e temos que apostar por un Estado que interveña nos sectores estratéxicos para mellorar a vida da xente. Temos que demostrar que estamos en pé e combativas, sin dar un paso atrás”, proclamaba Loreto Taibo, número dous pola Coruña.

Candidato ao Senado, Suso Basterrechea salientou: “hoxe máis que nunca estamos en Unidas Podemos demostrando o importante que é a unidade. Vivín moitas eleccións onde se vían moitas cousas, pero hoxe escoito á xente na porta das escolas a berrar: Franco, Franco, aínda que sexa de broma isto é terrible. Non o podemos permitir. Foi o fillo maldito desta cidade”.

Non perdas o spot de campaña en:

Relacionados