Dende a executiva nacional de Esquerda Unida levaremos a cabo, nos concellos nos que esteamos representados, un censo motivado de vivendas baleiras e gravaremos ditas vivendas ata un 50% dentro das marxes da Lei e previa atención ás causas da situación de baleiro ou abandono. Traballaremos para que estas vivendas se incorporen ao parque público de vivendas en réxime de alugueiro social que iremos constituíndo nos distintos concellos. Ademais, crearemos un Rexistro Público de Recalificacións de Solo e un censo único e propio de demanda de vivendas protexidas.
Respecto a esta situación de emerxencia social, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, propón que “agora son tempos de loitar sen tregua polo dereito a unha vivenda digna, pisado durante décadas pola alianza entre os gobernos corruptos e o capitalismo inmobiliario que non escoita as demandas da xente de ben”.
O estalido da burbulla inmobiliaria, xunto coas decisións austericidas, fixo que milleiros de persoas se visen acurraladas polas entidades bancarias e perderan o fogar. Por riba, a débeda aínda pendente pesa e marca o futuro destas persoas.
É por iso que queremos que os concellos, nos que estea presente Esquerda Unida, sexan libres de lanzamentos e desafiuzamentos. A administración pública non desafiuzará as persoas dos seus parques de vivendas e implementará medidas de protección cando se dean situacións de vulneración do dereito a unha vivenda digna.
Neste sentido, Esquerda Unida destinará o 100% da nova vivenda pública a réxime de alugueiro social e levará a cabo estudos e análises mediante os mecanismos da democracia participativa para coñecer en todo momento a situación de barrios e parroquias dos municipios co fin de desenvolver políticas de cohesión social e territorial.







