Garzón viaxa a Galicia

O candidato de Izquierda Unida á presidencia do Goberno, Alberto Garzón, arrincou en Ferrol e seguiu por Pontevedra, Vigo, A Coruña, Ourense en Santiago unha serie de encontros con alcaldes, portavoces de mareas e responsables políticos de Galicia coa a intención de reivindicar un proxecto de unidade popular para novembro, unha proposta que, para Garzón, “precisa intelixencia política, xenerosidade e altura de miras”. Nesta viaxe, acompañado pola coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, e o secretario de organización, Rubén Pérez, Alberto Garzón, falou especialmente sobre a unidade popular como eixo vertebrador dun novo país.

Un novo país que ten o obxectivo de “protexer as demandas da maioría social”, xa que, ao seu xuízo “a unidade popular reflíctese, realmente, cando se para un desafiuzamento. E isto quere dicir que as seguintes eleccións son claves para construír unha economía ao servizo da cidadanía, e non ao revés, que é o que está a suceder”, sinalou.

“A Coruña, Santiago, Madrid, Barcelona… son cidades onde as forzas transformadoras conseguiron gobernar grazas ao protagonismo das persoas e son exemplos de que a unidade popular é o que demanda a sociedade”, apreciou o candidato de Izquierda Unida á presidencia do Goberno.

Respecto a esta unidade popular, Garzón explicou que “debe construírse desde abaixo e horizontalmente, non en despachos nin con sopa de siglas, debe ser algo organizado desde a cidadanía”, incidiu.

Pola súa banda, Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, lembrou que “Alberto Garzón é unha persoa que engade reflexión á política, que vén do 15-M, e que sabe tecer unha rede potente para cambiar o país e para gañar a batalla contra as políticas neoliberais que nos empobrecen”.

Relacionados