Gasto en torneos deportivos

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia a mala praxe do Goberno local que en tempos de crise en lugar de fomentar a creación de emprego incrementa partidas superfluas como a dos torneos deportivos.  Este feito ademais de ser un grande erro político que pagaremos todos os coruñeses e coruñesas, constitúe un incumprimento das promesas do PP en campaña electoral.

 

Esquerda Unida afirma que o Goberno municipal inviste máis en torneos deportivos que en reparar os colexios públicos, como se desprende dos datos dos orzamentos para o 2012 onde as partidas contidas no código económico 63201 “obras reposición colexios públicos” suman 456.211 euros mentres que as do código económico 2767 suman 475.000 euros.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “semella inaceptábel que coa que está a caer, o concello incremente nun 48% a partida para torneos deportivos, pasando dos 322.000 euros no 2011 aos 475.000 € orzamentados no 2012”.

 

Cesar Santiso, que se mostrou indignado por estes feitos afirmou que “xa está ben de malgastar os cartos públicos, o problema da cidadanía é o empego, o emprego e o emprego. Destinemos pois os esforzos públicos en reactivar a economía. Si o Goberno do PP achegase todos os cartos mal investidos que estamos a denunciar dende fai días, tería capital suficiente para desenvolver un Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME), como levamos a demandar en EU-V dende vai tempo”.

 

O devandito servizo, dirixido a Cooperativas, autónomos e PEMES, pretende incentivar aos emprendendores para que desenvolvan a súa activade produtiva liberándoos da burocracia, cubrindo as necesidades básicas as que se enfrontan na súa primeira etapa. Os únicos requisitos son: dispor dun estudo de viabilidade económica, reducir a dependencia do petróleo na súa actividade e crear emprego estábel e de calidade. Unha taxa que cubra custos de xestión permitirá acceder mediante o uso compartido a oficinas, comunicacións, loxística, servizos administrativos e asesoramento contábel, laboral e tributario.

Relacionados