Goberno provincial e cárcere

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao goberno municipal que non esqueza outras infraestruturas que dependen de convenios coa administración central. Saudamos o acordo para que a veciñanza da Cidade Vella dispoña dun centro cívico e un local para a asociación de veciños, pero non queremos que actuacións deste tipo se fagan agardar 20 anos, como ocorreu no caso do Goberno militar. Semella un escándalo que a inacción das administracións e a burocracia impida á veciñanza coruñesa gozar de espazos que levan anos baleiros e que polo deterioro froito do abandono encarecen cada día máis a súa recuperación. A pesar das boas condicións do edificio do Goberno Militar o orzamento para a adaptación do espazo suporá 540.000 euros do concello que de seguro terían sido menos de acometerse con maior celeridade o acordo. Noutros espazos as consecuencias dos retrasos provocaron obras millonarias de rehabilitación, no caso da Fábrica de Tabacos a Xunta acomete unha obra 20 millóns de euros.

Esquerda Unida reclama ao goberno municipal que loite por recuperar o cárcere provincial de xeito gratuíto para a súa rehabilitación social a través do Proxecto Cárcere. Para evitar o progresivo deterioro do antigo Cárcere Provincial e acadar súa posta en valor a un custe razoable, emprazamos ao goberno municipal a levar a cabo a proposta de rehabilitación social desenvolvida polo Proxecto Cárcere. A proposta pretende a recuperación progresiva do espazo para usos socioculturais autoxestionados, baixo este proxecto o singular edificio pode actuar como polo de desenvolvemento turístico e cultural sen que implique un gran desembolso de diñeiro público.

O voceiro de EU-V, César Santiso, sinalou que “a rehabilitación social é unha alternativa económica ao abandono que provocan as obras de rehabilitación millonarias. Non todo ten que ser formigón e millóns de euros, o plan do Proxecto Cárcere é un exemplo de proxecto bo, bonito e barato que o goberno prefire ignorar en vez de respaldar e convertelo nun exemplo a imitar”.

César Santiso tamén lembra que a recuperación do cárcere é unha promesa incumprida do Sr. Negreira. O certo é que o alcalde nunha das súas últimas visitas ao cárcere durante o ano 2011 asegurou ter un plan para asignarlle a este “algún uso” no “futuro”. Xa sexa por un cambio de opinión ou polas habituais crises de amnesia selectiva do goberno municipal, nunca máis se soubo do tema.

 

Relacionados