O responsable no Parlamento de Galicia da área de Agricultura e Alimentación, Antón Sánchez, exise respostas inmediatas e un tratamento cando menos análogo no esforzó ao de sectores como o bancario e o enerxético que teñen beneficios e prezos garantidos polas políticas de expolio do Partido Popular.
O deputado parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda responsable no Parlamento de Galicia da área de Agricultura e Alimentación, Antón Sánchez denunciou hoxe que “ante a situación desesperada de miles de gandeiros e gandeiras o presidente en funcións da Xunta de Galicia asiste impasible sen tomar ningunha medida que evite máis sufrimento a estas familias”.
Para Alternativa Galega de Esquerda “o sector agrario é estratéxico para o país por razóns económicas, sociais e culturais e esiximos da Xunta de Galicia respostas inmediatas e un tratamento cando menos análogo no esforzo ao de sectores coma o bancario e o enerxético que teñen beneficios e prezos garantidos respectivamente polas políticas de expolio do Partido Popular. Se as enerxéticas teñen prezos garantizados despois de ser privatizadas porque non o teñen os gandeiros e gandeiras? Se os bancos reciben axudas multimillonarias porque non os gandeiros e gandeiras?
Esta grave situación esixe unha serie de medidas a curto e longo prazo. A curto prazo e ante a situación económica das explotacións que está ao límite esixindo solucións inmediatas que dean aire aos gandeiros e gandeiras xa. Estas medidas pasan por:
· –Control exhaustivo na cadea de comercialización do leite para evitar que se venda a menos do prezo de producción.
· –Bonificacións das cotizacións da seguridade social.
· –Negociación dunha tarifa eléctrica especial para o sector gandeiro.
· –Medidas de axuda financeiras ás explotacións e posibilidade de renegociar préstamos nun prazo e condicións razoáveis.
· –Xuntanza urxente da Mesa do Leite con poder político para forzar a negociación de prezos que garantice cubrir os custes de producción ás explotacións.
A longo prazo é preciso afrontar o cambio de modelo con dous obxetivos fundamentais. Por unha banda conquerir unha producción menos dependente dos pensos e derivados do petróleo, que reduza o prezo de producción do prezo do leite a niveis europeos e sostibles, e por outra banda regular o mercado para garantir que os productores perciben un prezo que cubra os cuestes de explotación, e que se sustancian en medidas coma:
· –Cambio radical na política seguida polo goberno Feijoo de non aposta polo Banco de Terras,para garantir base territorial ás explotacións para poder optar pola extensificación da producción e conseguintemente a menor compra de pensos que continuamente se están a encarecer.
· –Modificación da Lei de Montes recentemente aprobada para evitar a reforestación de terras agrarias no país.
· –Formación para a extensificación das producción camiñando cara modelos económica e ecoloxicamente sostibles.
· –Imposto autonómico especial para grandes superficies e controis exhaustivos de prezos nas mesmas e da utilización do leite como produto reclamo.
· –Potenciación do cooperativismo no sector tanto para a compra coma a venta de insumos e producción.
· –Utilización de Contratos de venda do leite con prezo, e por riba do custe de producción.
O deputado parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez, lembrou que a PAC que actualmente se está deseñando pode signnificar un novo golpe ao sector galego do leite, polo emprego do criterio da superficie das explotacións que perxudica claramente ao noso país, pola distribución da terra, e porque o Goberno galego non fixo os deberes na consecución de base territorial para a produción.