A caixa do correo indignado habilitada por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) hai dúas semanas recibiu ducias de achegas e comentarios da cidadanía indignada e rebelde deste país. AGE agradece todas as contribucións e comprométese a empregar ese material no debate do estado da nación –que se celebrará entre mañá 15 e o mércores 17 de outubro- e, debido ao seu volume, tamén no traballo parlamentario habitual. Para a coalición, estabelecer canles para que as cidadás fagan escoitar a súa voz na Cámara de representantes é unha liña estratéxica da súa actuación e ese é o sentido último da iniciativa Que queres dicir ao señor Núñez?.
Só as maiorías sociais organizadas poden deter a brutal ofensiva da dereita reaccionaria encarnada en Galiza polo Partido Popular. Alternativa quere servir de altofalante da indignación e das xentes que nas rúas do país se opoñen ás políticas ultraliberais. Así intentará reflectilo no debate da vindeira semana, que tamén servirá para bosquexar as propostas do grupo para saír dunha situación social de extrema gravidade.





