Gratuidade dos libros de texto

A Área de Educación de EU expresou hoxe o seu rexeitamento ao modelo da Consellería de Educación de axuda á adquisición de libros de texto, para a Educación Primaria e Secundaria, por consideralo socialmente errado e económicamente ineficiente.

O actual modelo é calificado por EU coma un auténtico copago educativo, xa que exclúe a unha gran proporción das familias galegas da gratuidade ou de calquera tipo de axuda. A Xunta contradí así o artigo 24.4 da constitución no que se recolle que “O ensino básico é obrigatorio e gratuíto”.

Ademais, para EU, o sistema de axudas actual constitúe un auténtico desbaldimento económico xa que obriga á Xunta a financiar cada curso escolar a compra de novos libros que se utilizarán unha única vez por parte do alumnado.

EU recorda que a propia Valedora do Pobo, no seu informe de 2013, recomendaba ás autoridades educativas o emprego do sistema de empréstimo e reutilización dos libros de texto, pola maior eficiencia e menor custo que este modelo ten respecto doutras modalidades de axudas á adquisición destes materiais e pola propia contribución deste sistema ao proceso educativo dos alumnos e alumnas e á adquisición de actitudes de respecto, bo uso e conservación de bens comúns e á adquisición de hábitos cívicos e de convivencia.

En consecuencia “EU solicita á Consellería de Educación a adopción do sistema de empréstito e reutilización gratuíta do libros de texto, como estratexia de racionalización dos recursos económicos e para facer efectivo o dereito á educación básica gratuíta contido na Constitución”, manifesta Roi Cagiao dende a área de ensino de Esquerda Unida.

Relacionados