Grave deterioro de POVISA

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da deputada Consuelo Martínez, vén de denunciar a grave situación asistencial do hospital concertado Povisa, en Vigo. Nunha rolda de prensa realizada esta mañá no Parlamento de Galicia, Martínez relatou que o centro, que acapara a metade do orzamento dedicado pola Xunta a concertos con entidades privadas, sofre gran deterioro en case todas as parcelas. “A situación é demasiado crítica e demasiado seria como para pasala por alto”, afirmou. “No caso de Povisa vemos a que conduce a privatización da sanidade pública, colocada en mans non de quen se preocupa pola calidade asistencial senón unicamente pola obtención de beneficios económicos”, engadiu.

A deputada de Alternativa denunciou, ademais, a conivencia da Consellería de Sanidade con este panorama. “Pedimos a comparecencia parlamentaria da conselleira Rocío Mosquera o pasado 12 de febreiro para tratar sobre o deterioro de Povisa, pero aínda non temos resposta. A Xunta debe investigar e fiscalizar que se fai con cartos públicos”. E o que se fai con eses 75 millóns anuais que o Sergas entrega a Povisa non deixa de resultar, no relato de Martínez, preocupante. A explotación laboral aumenta cada día e malia que o comité de empresa xa gañou unha sentenza que condenou á compañía por abusos na flexibilidade, esta incúmprea. A maiores, propón un novo convenio laboral en que os traballadores estean 365 días ao ano e 24 horas ao día a disposición da dirección.

As reducións nas xornadas e o aumento dos contratos non indefinidos en persoal médico, enfermeiro ou auxiliar son o pan de cada día. Esta situación tradúcese en innumerábeis problemas á hora de atender aos pacientes en case todas as seccións do hospital. Martínez puxo algúns exemplos: “Os alumnos –porque Povisa é unha escola universitaria- asumen tarefas propias dos profesionais sen supervisión. Os apuros e a falta de persoal producen equívocos en pacientes co mesmo nome e apelidos. Mesmo houbo casos de meninxite que non se puxeron en coñecemento do Sergas porque o proipio hospital non o sabe ao non poder realizar as probas pertinentes”. Servizos que quedan sen persoal durante horas, falta de hixiene polos despedimentos de 27 limpadoras a tempo completo, o aumento de reingresos por infección hospitalaria, alimentación con bolos e zumes industriais ou protocolos médicos que non se cumpren derívanse tamén da precarización das condicións laborais do hospital.

“AGE trasladará á Consellaría de Sanidade, xa que Mosquera non comparece, toda esta información”, engadiu Martínez, “para esixir que a Xunta investigue o que acontece cando empresarios, como é o caso da familia Silveira, collen un hospital para faceren negocio”. Povisa non só é o centro privado que máis cartos recibe de Sanidade –a metade do total dedicado a concertos-, senón que ten un acordo especial para a área de Vigo, polo que a súa situación é moito máis vantaxosa que a doutros centros privados.

Relacionados