Grupo Eulen

De novo a drenaxe de cartos públicos en favor de empresas amigas. De novo o grupo EULEN na orde do día da Xunta de Goberno Local para adxudicar contratos. Neste caso “de vixilancia e servizos complementarios para os centros e instalacións pertencentes ao concello”. Trátase de darlle a unha empresa privada o servizo de asistencia telefónica e servizos de atención á cidadanía, por exemplo. Elementos que Esquerda Unida sempre defendeu como públicos e administrados por empregados públicos ao servizo das administracións. Non hai austeridade cando se trata de achegar cartos ao sector privado: preto de medio millón de euros para empresas privadas de seguridade, sector mimado polo Partido Popular. Todo vale para ese fin mesmo un prego de prescricións técnicas que contempla vixilancia  de centros municipais por horas axustando cuadrantes á necesidade da empresa e non a necesidades derivadas dun servizo público. A modo de exemplo: para  a Casa Solidaria, Departamento de Servizos Sociais en Sánchez Barcaiztegui e Centro Cívico de Caranza se contempla un vixiante rotatorio luns , mércores e venres de 08:00 a 14:30 un día en cada centro. E así en varios servizos: mercados, castelo de San Felipe, Pazo Municipal con sistemas de videovixilancia e gravación, asistencia telefónica e asistencia ao cidadán.

Xa Javier Galán denunciou a privatización de todos estes servizos o pasado mes de outubro cando se presentou o prego de prescricións técnicas do servizo cualificando de malgasto de recursos públicos e mal facer do goberno municipal.

En definitiva hoxe coma onte Esquerda Unida lamenta a impostura do PP que pretextando austeridade privatiza e fai un custo netamente superior o que tería o servizo de manterse en mans de traballadores e traballadoras do concello.

 

Relacionados