xess daz.gif - 8.50 Kb

Hai Goberno en Galicia?

 

Hoxe, o problema máis importante a resolver é o desemprego de 245.000 cidadáns que están expostos a exclusión e marxinación social. Sen caer na demagoxia de dicir que a solución a este problema é fácil –como fixo Feijóo cando dixo rematar coa crise en 45 días– os gobernos poden e deben actuar. Sempre pero máis nas situacións de crise é cando o papel do sector público debe ser fundamental na dinamización da economía e na creación de emprego. Máis en Galicia que conta con graves déficits e a solución destes son parte da solución ao problema do desemprego.

 

O que é inexplicable é que o presidente da Xunta argumente que o seu goberno ten “poucas competencias en materia de emprego, por non dicir practicamente ningunha”. Non conta a verdade: ten competencias, o que non ten é vontade política de exercelas. O problema non son as competencias senón a incompetencia do presidente da Xunta e o seu goberno que se pon de manifesto ao utilizar ese argumento.

 

Para crear emprego voume limitar a sinalar o papel do investimento público que se podería mellorar por dúas vías:

 

1. Anovar o Estatuto de autonomía, o que permitiría ampliar o autogoberno e pactar co Goberno central un investimento do Estado en Galicia importante durante un período determinado de anos, como se fixo no Estatut. Xa hai tempo que debería estar resolto pero aínda que tarde só depende da vontade do PP e o seu presidente. O problema reside na actitude antigalega do Goberno que non ten o máis mínimo interese en anovalo ao situarse nas posicións recentralizadoras do PP estatal e da FAES.

 

2. Aumentar o investimento público da Xunta para dotármonos de infraestruturas físicas e tecnolóxicas e superar os déficits nos servizos públicos esenciais. É dicir, todo o contrario do que está a realizar a Xunta. Como xa teñen denunciado CC OO e UGT, os orzamentos para 2011 son gravemente restritivos: Galicia vai dispoñer de 1.177 millóns de euros menos que no 2010. Con elo renúnciase a uns orzamentos expansivos que sirvan para impulsar a produción e o emprego. É precisamente o investimento público quen paga o pato: dos 1.085 millóns de euros en que se recorta o gasto non financeiro, 804 millóns. Nos dous anos de goberno de Feijóo, o investimento caeu en máis de 1.100 millóns de euros mentres a débeda pública terá aumentado en 2267 millóns. Parece ser que niso consiste a tan cacarexada austeridade. Non en recortar os gastos superfluos e a propaganda senón en descapitalizar o sistema produtivo galego e deteriorar os servizos públicos esenciais limitando gravemente as posibilidades de crear emprego.

 

O problema de fondo está en que o Goberno da Xunta detesta todo o público; os únicos “plans” coñecidos consisten nunha política clientelar de favorecer aos seus amigos e aos poderes económicos privados. Por iso, ante os ataques da oposición a respecto do aumento do paro e a destrución do emprego, o presidente é incapaz de dar unha resposta racional. Non a ten e por iso podemos afirmar que ten dimitido de intentar resolver o principal problema deste país.

Relacionados