Hidralia espolia Guatemala

Alternativa Galega de Esquerda esixirá da Xunta que rache toda relación con empresas que violen os dereitos humanos. Así o anunciou esta mañá o deputado Antón Sánchez, logo de se xuntar –canda os tamén deputados de AGE Eva Solla e David Fernández Calviño- con dúas membros da organización Confluencia Nuevo Baqtum de Guatemala, Natalia Atz Sunuc y Paula Irene del Cid Vargas. “Unha transnacional con sede na Coruña, Hidralia, está a espoliar os recursos naturais destas comunidades”, explicou Sánchez, “e non dubida en servirse da represión gobernamental para levar adiante os seus proxectos”. Esta represión xa custou, de momento, un morto e un ferido grave contra opositores aos proxectos da empresa galega.

Alternativa recibiu información de Atz Sunuc e Del Cid Vargas sobre a resistencia das comunidades locais aos planos de Hidralia. As consultas realizadas entre a poboación ofrecen que o 99% dos habitantes están en contra do proxecto hidroeléctrico da compañía coruñesa. “O Goberno español sabe isto e é cómplice porque non actúa”, denunciou Sánchez, quen lembrou as analoxías entre estas maneiras e a actitude da Xunta a respecto das minas de Corcoesto ou na Serra do Galiñeiro, “nos que a Xunta goberna para as transnacionais e non para as comunidades locais, a prol dun modelo de desenvolvemento que non ten en conta os límites físicos do planeta”.

Relacionados