Hipocrisía do PP con Méndez

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera unha hipocrisía alegar que o tema das honras non é importante nin prioritario para impedir a revogación de fillo predilecto do exdirector de Caixa Galicia e ao mesmo tempo levar ao pleno a medalla de oro para ASPRONAGA. Como temíanos esta actitude por parte do goberno municipal, no debate para outorgarlle a medalla ao mérito da cidade á asociación que traballa a prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, indicábamos:

“Esquerda Unida – Os Verdes apoia que no cincuenta cabo de ano da súa fundación en 1965, a entidade reciba a Medalla ao Mérito da cidade. Máis sen desmerecer o mérito de ASPRONAGA, gustaríame aproveitar tamén este tempo de intervención para recordarlle ao Sr. Alcalde que si temos tempo para aprobar esta xusta e merecida condecoración para ASPRONAGA, tamén deberíamos ter tempo para debater e aprobar a moción presentada polos compañeiros do BNG para revocar a distinción de Fillo Predilecto da Coruña a José Luis Méndez López. Porque si importante é recoñecer o mérito das persoas e entidades, tamén o é retirar as honras a aquelas persoas ou organizacións que pola súa actuación fanse desmerecedoras deles”.

Esquerda Unida considera a negativa do PP a retirar as honras a José Luis Méndez como unha mostra de incoherencia e debilidade. Incoherencia porque o PP considera unha perda de tempo debater sobre a imposición ou retirada de honras cando é un tema que lle incomoda, como por exemplo pasou co fascista Millán Astray, mais non ten problema en outorgar honras noutro tipo de situacións como a mencionada con ASPRONAGA. Debilidade porque unha vez máis demostrase que o PP está cos poderosos e non se atreve nin tan sequera a molestalos, o que ven a demostrar que os partidos maioritarios, PP e PSOE, non teñen intención de modificar o status quo actual e, xa que logo, apostan polo continuismo dun sistema inxusto que favorece aos máis poderosos e castiga ás familias traballadoras.

Asemade, noutra demostración de incoherencia, o grupo municipal do PP indica que para debater a retirada de honras hai que esperar a que remate nas actuacións da fiscalía, mais confunde legalidade con moralidade. A fiscalía terá que demostrar que as actuacións deste impresentábel persoeiro son constitutivas de delito. Con todo, non cabe dúbida da inmoralidade de que a súas actuacións fomentando a venta de preferentes e brindándose un retiro millonario cando a causa da súa pésima xestión a Caixa estaba ao borde da bancarrota.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “efectivamente como di o alcalde a retirada do titulo a Méndez non resolve o problema da banca ou das preferentes, mais si que lanzaría unha mensaxe clara aos especuladores, indicando que o Concello da Coruña está coa cidadanía. Neste sentido lamento que o alcalde se poña do lado dos banqueiros”.

 

César Santiso, afirmou que “os coruñeses e coruñesas temos que estar seriamente preocupados, porque si o PP evita a retirada da honra de fillo predilecto a unha persoa que actuou de maneira inmoral, e sinal inequívoca de que avalan a súa conduta, polo que en calquera momento poderemos sufrir actuacións similares por parte do goberno municipal, quen con esta negativa está a actuar de cómplice do especulador.

 

Santiso recordou ao alcalde que a Fiscalía de Galicia presentou unha demanda civil de acción colectiva contra Novagalicia Banco pola venda de participacións preferentes e obrigacións subordinadas perpetuas a través de Caixa Galicia e Caixanova. Unha acción tendente a obtención da nulidade dos contratos nos que se observe mala praxe, que Esquerda Unida saúda.

 

Como en cada concentración dos xoves, o voceiro del grupo municipal de EU-V, trasladou a solidariedade e apoio aos afectados e mostrou a dispoñibilidade do seu grupo municipal para colaborar en todo o que sexa posíbel para que lles devolvan os cartos desta estafa por parte dos banqueiros.

Relacionados