Hixiene democrática en cultura

Esquerda Unida reprocha a incoherencia de Ana Fernández por negarse a dimitir “por non estar imputada” pero confiar “plenamente” nun equipo de imputados. Para EU, os cargos políticos son responsables das accións do persoal ao seu cargo, principalmente o da súa propia confianza, así como de tomar as medidas adecuadas para previr condutas ilícitas ou irregulares. A terceira tenente alcalde, que aparece en diversas conversas mantidas polo seu persoal de confianza con Tutor como a persoa que toma as decisións de a quen se debe enchufar, debe dimitir, xa que a pesar de non estar imputada, dirixe o área municipal con máis imputados na Pikachu. Os pinchazos telefónicos ordenados pola xuíza De Lara rexistraron graves conversación da súa número dous e asesora persoal, falando de diñeiro negro, facturas falsas e enchufes e en moitos destes casos asegurou que eran ordes directas da tenente alcalde.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes responde á tenente de alcalde Ana fernández que traballar no concello non é un favor á cidadanía, senón unha responsabilidade e un deber. Da mesma forma que na declaración da xefa de contratación, onde esta defendía ante a xuíz que a súa irmá é tan traballadora e formada que ao traballar para Vendex lle fai un favor á empresa concesionaria e non o revés, a tenente alcalde refuxiouse no duro traballo e o seu currículo para xustificar a corruptela descuberta na súa área, evitando asumir ningunha responsabilidade. Incluso chegou a asegurar que non retirará a ningún membro do seu equipo, deixando o tema por pechado cunha simple desculpa polos “erros” que ela e o seu equipo puideran cometer.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “ninguén é imprescindible e todos somos necesarios para que os erros se paguen, os culpables deben responder por decencia e hixiene democrática. É inconcibible como a tenente de alcalde Ana Fernández non se responsabilice de nada, cando todo o seu persoal de confianza: a súa asesora, a directora de cultura, a directora do IMCE, o director do acuario, están imputados, así como outras tres persoas da súa área. Incluso ela mesma está salpicada por presunta contratación irregular e enchufismo, o mesmo que acontece cos dous concelleiros dependentes da súa tenentealcaldía: educación e servizos sociais.

Relacionados