Homoxeneizar horarios servizos emerxencia

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2013.- Unha sentenza do Tribunal de Xustiza europeo da a razón aos bombeiros da Coruña que están a reivindicar que se recuperen as quendas de 24 horas que realizaban ata agora e que foron suprimidas pola empresa Veicar adxudicataria do servizo alegando que eran ilegais. No texto da sentenza recóllese a legalidade destas quendas sempre e cando non se superen as 48 horas semanais de traballo no que se incluirían as horas extras.

Deste xeito, o Tribunal de Xustiza europeo avala as peticións que están a facer os profesionais dos parques de bombeiros sendo o tema das quendas unha das principais reivindicacións. Deste xeito, Alternativa Galega de Esquerda considera que esta sentenza amosa que as quendas son perfectamente legais sempre que non excedan as 48 horas semanais.

Así mesmo o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda insta á Xunta de Galicia a mediar neste conflito que ten a súa orixe na privatización do servizo de Emerxencias do noso país que está a permitir os constantes abusos e ataques da patronal aos traballadores para o que debería recuperar de xeito inmediato a xestión directa do mesmo para garantir que se cumpren os dereitos dos traballadores e a propia seguridade da cidadanía.

Relacionados