Hospital de Lugo

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2013.- As promesas do PP sobre as dotacións para o Hospital de Lugo hai tempo que ficaron desacreditadas aos ollos da cidadanía. Se a instalación da unidade de hemodinámica e dos servizos de medicina nuclear e radioloxía foi un proxecto comprometido pola daquela conselleira de Sanidade Pilar Farjas na inauguración do centro, en novembro de 2011 o Parlamento aprobaba por unanimidade unha proposta para que a Xunta cumprise, en seis meses, ese compromiso. Na última campaña electoral, a dereita non cansou de repetir a mesma andrómena nos mitins. Sen resultados ate hoxe. Alternativa Galega de Esquerda presentou, a través da deputada Eva Solla, unha iniciativa en comisión parlamentaria en que esixe ao Goberno galego a instalación da unidade de hemodinámica e dos servizos de radioloxía e medicina nuclear, infraestruturas fundamentais para ofrecer unha atención sanitaria de calidade.

“Segundo a Sociedade Española de Cardioloxía a mortalidade en Lugo dobra a da área da Coruña, de Santiago ou de Vigo”, sinalou Solla. A área de Lugo, xustamente, é a única que conta con unidade de hemodinámica. Un paciente infartado, engadiu, tarda o dobre en ser atendido en Lugo ca noutras provincias. Concretamente, 178 minutos. “Actúen cantos antes”, emprazou a parlamentaria de AGE á Xunta. Malia os datos esgrimidos, o PP presentou unha emenda que rebaixaba a categoría dos servizos reclamados por Alternativa e substituían o que deberá ser unha unidade completa de hemodinámica por unha “sala de hemodinámica”. Solla rexeitouna. “Abonda xa de enganar á veciñanza”, afirmou, “estamos a falar da diferenza entre vivir e morrer e iso debe estar por enriba de calquera consideración. A saúde non é unha mercadoría”.

Relacionados