Hospital de Povisa

· Os membros do Grupo Parlamentar denunciaron a actitude de Feijoo na entrega do VII Premio Familia Empresaria de Galicia no que non escatimou en eloxios á Familia Silveira Martín.

· O Grupo Parlamentar rexeitan así mesmo as políticas de recortes de dereitos e empobrecemento que esta familia está a imponer.

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda denunciou a actuación do presidente en funcións, Alberto Núñez Feijoo, na entrega do VII Premio Familia Empresaria de Galicia.

O pasado día 23, entregouse en Vigo o VII Premio Familia Empresaria de Galicia. Este ano o premio foille outorgado á familia Silveira Martín. O premio foi entregado polo Presidente en funcións da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, quen na súa intervención parece non ter moi claro como a familia Silveira Martín establece as relacións laborais nas súas empresas. Así, o presidente en funcións non escatimou en eloxios á familia Silveira Martín, esquecendo ou ignorando aos traballadores e traballadores de Hospital Povisa que nese mesmo momento estaban a concentrarse diante do Clube Financeiro en contra da política de recursos humanos aplicada por Silveira Martín e en defensa dun Convenio Colectivo xusto.

A realidade en Hospital Povisa, lonxe de parecerse ás marabillas emitidas polo Sr. Feijóo durante a súa intervención, tradúcese en represión sindical, incumprimento de sentenzas, despedimentos, redución de xornadas, precarización do traballo e da calidade asistencial, débeda dos atrasos correspondentes ao ano 2010 e a conseguinte actualización dos salarios.

Ante esta situación, unha non pode deixar de preguntarse ¿para quen goberna o Sr. Feijóo? ¿en que estaba a pensar cando afirmaba “gustaríame que Galicia fose unha sociedade parecida ao Grupo Nosa Terra 21” ou “necesitamos empresarios como a familia Silveira Martín?

Se a sociedade galega parecérase ao Grupo Nosa Terra 21, carecería de liberdade de acción e opinión, viviría en precario, a calidade asistencial estaría condicionada aos beneficios, a flexibilidade horaria non tería límites, o único idioma oficial sería o castelán, … ¿É este o futuro que o Sr. Feijóo desexa para Galiza? Agora entendemos as súas políticas antisociais e privatizadoras.

Futuro negro para o noso país cun presidente que ignora á clase traballadora mentres adula ao capital que a empobrece.

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda, quere manifestar o noso apoio á loita das traballadoras e traballadores de Hospital Povisa, así como o noso rexeitamento ás políticas de recortes de dereitos e empobrecemento que a familia Silveria Martín está a impoñer.

 

Relacionados