Iluminacion Birloque

O concello executa unha das iniciativas presentadas por Esquerda Unida a petición da veciñanza do Birloque. Debido a situación de infradesenvolvemento que vive o barrio e o total desprezo e esquecemento por parte dos distintos goberno municipais, EU decidiu impulsar os barrios do Birloque, 2ª Fase Do Viña, Someso, As Rañas, Martinete, Lonzas ou Santo Cristovo Das Viñas. Xa que logo desenvolveu unha asemblea de barrio para que veciños e veciñas consensuasen colectivamente as súas principais necesidades, froito deste traballo de participación colectiva EU-V desenvolveu 15 iniciativas plenarias emanadas na asemblea, das que nove foron aceptadas polo goberno municipal, sendo unha delas o proceso de mellora da iluminación que agora se está a desenvolver.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes saúda que se mellore a iluminación no Birloque máis esixe unha actuación urxente no barrio para mellorar as enormes carencias en canto a seguridade viaria, como a falta de sinalización viaria, a carencia de pasos de peóns, o déficit de beirarrúas e as que hai están sen manter ocupando a maleza parte delas, ou a inexistencia de sinais de control de velocidade. Por todos estes motivos o noso grupo municipal solicitou un estudo de mobilidade peonil, algo ao que o Goberno municipal de maneira insconsciente e temeraria negouse a desenvolver mantendo así o risco de seguridade que está a vivir a cidadanía da zona, máis cando existe unha enorme carencia de transporte público colectivo, outras das demandas de EU que o goberno do PP negouse a solucionar.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “estamos diante da demostración da utilidade das asembleas de barrio que estamos a desenvolver e da necesidade de incrementar a participación cidadá, a cidadanía sabe que teñen unha forza política que está disposta a atender as súas peticións e a traballar arreo para que o Concello resolva as súas necesidades, mellorando así a súa calidade de vida.

César Santiso subliñou que o éxito das Asembleas de Barrio é notorio, percíbese no número de solicitudes para desenvolver asembleas en distintos barrios, así como o alto grado de participación da veciñanza que farta do nepotismo dos seus gobernantes quere participar activamente nas decisións do seu barrio. Esquerda Unida pon a súa disposición unha ferramenta de participación cidadá para que poidan interactuar co Concello.

 

Relacionados