Igualmente na misiva, a conselleira de Sanidade indicaba que non existía xustificación para a presentación de ningún ERE por parte de Povisa fundamentada no concerto co Servizo Galego de Saúde, xa que estaba garantida legalmente a continuidade da relación contractual.
ESQUERDA UNIDA considera lamentable que centos de postos de traballo estén a expensas de peleas entre direccións de Sergas e de Povisa e pide que se realmente a Consellería de Sanidade aposta pola sostenibilidade do emprego, como ela mesmo indicou “sobre todo no ámbito sanitario”, e se realmente valora “a estabilidade das empresas do contorno sanitario que complementan a actividade asistencial pública, como é o caso de Povisa”, solucione de inmediato a situación do cobro das nóminas da plantilla do centro.
Igualmente Rubén Pérez reclamou a creación dunha comisión paritaria (Xunta, dirección de POVISA, representantes dos traballadores e Concellos da área sanitaria que abrangue o centro) para ir perfilando tanto a renovación definitiva do concerto como a situación futurible da plantilla ante o novo hospital público a construir en Vigo. Dita comisión ten que abordar xa que pasará no futuro coa plantilla de Povisa e os mecanismos para consolidala no novo centro público.