Esquerda Unida propón desenvolver cláusulas que permitan a intervención e mediación do Concello nos conflitos laborais das concesionarias de servizos municipais, proposta que se compromete a executar no caso de ter capacidade de influencia na gobernanza da Coruña. Asemade comprométese a incluír cláusulas nos pregos de contratación que prohiban ás empresas axudicatarias.
No que vai de ano, Albada despediu a once traballadores alegando que entran menos residuos na planta e que polo tanto xorde a necesidade dun axuste do cadro de persoal, mentres mantén un elevado índice de rexeitamento e recibe os mesmos cartos públicos. É dicir que a reciclaxe de refugallos, pola que temos que pagar máis cartos os veciños e veciñas, é practicamente nula. Asemade a concesionaria pretende reducir unha cuarta parte o salario dos traballadores e traballadoras de Albada e aumentar a súa xornada laboral en tres horas e media semanais para, así, despedir a máis traballadores. Todo iso apesares de que a empresa está a ingresar máis cartos polo canón do lixo e o grupo Urbaser, ao que pertence Albada, obtivo beneficios millonarios.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “resulta inconcibible que o goberno municipal limite a súa actuación a sacar comunicados pedindo diálogo entre empresa e traballadores en plena folga cando este conflito era previsible dende o mes de febreiro”. Accións que semellan ser un simple lavado de cara do goberno local diante da cidadanía para facer que fan, cando en realidade non fan nada, como demostra o feito que nin tan sequera reuníronse co Comité de Empresa apesares da solicitude deste a mediados de xuño. Para EU non valen as desculpas que hoxe da o PP e onte daba o PSOE, escudándose en que é un conflito laboral que teñen que resolver entre empresa e traballadores, porque apesares de estar externalizado, trátase dun servizo público que ten que ofrecer o concello á cidadanía. Xa que logo, Albada é a culpable pero o goberno municipal é responsable debido a súa inacción.
Neste sentido, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao goberno local que, debido ao incumprimento do contrato de concesión de servizo, desconte do pagamento á empresa os días de folga, porque os refugallos que deberían tratarse en Nostian para o seu reciclado están soterrándose no vertedoiro de Arenosa, contaminando o medio natural e producindo cheiros.