Impunidade crimes franquistas

Alternativa Galega de Esquerda denuncia o grave ataque a saúde democrática e regresión en canto a memoria histórica no noso país que o Partido Popular está a manter coas súas políticas de bloqueo, especialmente no ámbito xudicial dos procedementos emprendidos na procura de acadar xustiza.  O último informe de Amnistía Internacional sobre a situación de impunidade dos crimes perpetrados polo franquismo deixa en moi mal lugar o deslixo dos gobernos da Xunta e central, constituidos de facto como servidores do peor pasado.

“Os dereitos á verdade, á xustiza e á reparación das vítimas de crimes de dereito internacional cometidos durante a Guerra Civil e o franquismo (1936-1975) seguen a ser denegados en España”, con esta rotunda afirmación arranca o relatorio que recolle o devandito informe. O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega da Esquerda ten consciencia das graves eivas para o desenvolvemento democrático do país de resultas do mantemento desta situación.

Logo da inhibición da Audiencia Nacional en novembro do 2008, deriváronse aos xulgados territoriais as causas correspondentes. Mais a sentenza do Tribunal Supremo de 27 de febrero do 2012 e a de marzo do mesmo ano supoñen un elemento clave no eido xudicial para provocar impunidade, vía arquivo das causas. Crimes, os do franquismo, cuxa cualificación os fai imprescritibles segundo o dereito internacional.

A realidade é que as hipotecas da transición seguen a impedir que se deite a luz da xustiza sobre os milleiros de persoas asasinadas polo franquismo. Proba disto son os alomenos 38 dos 47 casos derivados da inhibición da Audiencia Nacional que foron arquivados debido a súa casuística longa e complexa que fai que rematen na impunidade.

O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega da Esquerda considera indignante esta situación xa que non existe democracia posible que ature semellante impunidade. Por este motivo, presentou diversas iniciativas no Parlamento de Galicia nas que se insta ao goberno galego a dirixirse ao central para que se adhiran sin reservas e declaracións interpretativas á Convención sobre a Imprescritibilidade dos crimes de guerra e dos crimes de lesa humanidade de Nacións Unidas así como que se tomen as medidas inmediatas de aplicación de recomendacións de órganos internacionais en relación coa lei de amnistía e a imprescritibilidade dos crímenes de dereito internacional. Así mesmo, insta a que o goberno central configure un sistema integrado de información de todos os procedementos sobre a Guerra civil e o franquismo abertos na xustiza do Estado.

Relacionados