Imputación do alcalde de Ferrol

Ferrol, 23 de xuño de 2014.- A imputación feita pola xuíza De Lara, de confirmarse na declaración que debe prestar o vindeiro luns, debe supor a dimisión inmediata do alcalde de Ferrol, xa que logo, entendemos por imputación que haxa indicios racionais de criminalidade, asunto grave, e máis cando se está a imputar un delito directamente relacionado co posto que ocupa, e que ten moito que ver coa xestión dos cartos que a cidadanía achega ás arcas municipais para que sexan xestionados polo ben común, e non en base a intereses particulares corruptos.

A xestión de contratos e adxudicacións deben seguir o principio de transparencia máxima, cousa que nunca ocorreu con este alcalde á fronte dun goberno municipal que outorga a inmensa maioría dos contratos como negociados sen publicidade, construción legal pero, que en tempos de crise e emerxencia social, por razóns de ética política, deberían ser públicos e en libre concorrencia, para que a cidadanía saiba dende o primeiro momento onde vai destinado cada euro que achega cos seus impostos, pagados en moitos casos con gran sufrimento persoal, en especial por esas máis de 5000 persoas que non reciben ningún tipo de prestación.

Como colofón a este escurantismo na adxudicación de contratos ,temos agora unha imputación nada menos que por suborno, a indignidade máis grande na que pode caer un cargo público, a no ser que sexan verdadeiros profesionais da política, que pretenden pasar toda a súa vida laboral de poltrona en poltrona, como é o caso que nos ocupa, para o que deben manterse en connivencia constante cos poderes fácticos, supeditando os intereses da cidadanía ás esixencias do poder económico e financeiro.

O Consello Político Local de Esquerda Unida, á espera da concreción das imputacións, esixirá ao alcalde de Ferrol a dimisión  tanto no Concello como na Fegamp, xa que avogamos pola transparencia total na xestión e a responsabilidade máxima no desempeño dos cargos para os que a cidadanía deposita o seu voto nas urnas, e recalcamos que nunha democracia transparente e participativa isto nunca tería ocorrido, ao estar sometido o desempeño da función pública á fiscalización permanente da veciñanza.

Relacionados