Imputación Juan de la Fuente

 

Tal e como denunciaramos o pasado 16 de marzo, ata a comisión do propio Concello apreciara nas súas conclusións posibles indicios delictivos, expoñendo que o concelleiro puido incorrer nos graves delitos de falsidade en documento público e mercantil; e, incluso, na suplantación de identidade. Acusación ratificada pola propia fiscalía que vén de imputar a Juan de la Fuente por presunto delito de falsidade documental, tendo que acudir a declarar o vindeiro 4 de xuño.

Por suposto, insistimos de novo en que imos respectar a súa presunción de inocencia, e que é a xustiza quen ditaminará se hai delito ou non. Non obstante, a democracia precisa de osíxeno. Precisa recuperar credibilidade. Por iso, para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Juan de la Fuente queda totalmente inhabilitado para calquera cargo público e ten que dimitir.

Se o concelleiro decide non presentar de inmediato a súa dimisión, terá que ser o máximo responsable do Concello, o alcalde Ángel Currás quen teña que cesalo de todas as súas responsabilidades, censurar publicamente a súa execrable actuación neste caso das facturas falsas e reclamarlle a dimisión.

Dende o Consello Comarcal de EU, unha vez máis, queremos denunciar que o que acontece no goberno local do Partido Popular non é unha mera cuestión de persoas senón de política, da nefasta ideoloxía neoliberal que provocou esta crise-estafa. Por iso, o concelleiro imputado non pode permanecer. De facelo, crébase a confianza da cidadanía, cansa das escusas do PP compostelán.

A decrepitude moral do PP leva ao noso Concello a unha situación insostible de ingobernabilidade que se manifesta non só nas máis que evidentes liortas internas existentes no equipo de goberno de Currás, senón tamén na ausencia de políticas activas en beneficio dos veciños e veciñas de Compostela.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reiteramos a nosa petición, feita pública o 15 de xaneiro, de adianto de eleccións municipais como unha solución democrática viable para defender os dereitos da maioría social da cidadanía.

Ten que darse a voz ao pobo nas urnas, para que sexa el o que decida o futuro que desexa para Santiago, non admitiremos ningunha solución, como xestoras, troicas… que non conten coas veciñas e veciños, e perpetúen un sistema corrupto e corruptor que abafa os dereitos sociais e laborais das persoas

 

Relacionados