Esquerda Unida esixe ao alcalde que demostre que ostenta o bastón de mando no conflito do lixo e resolva un problema do que á cidadanía estase a converter en refén debido á inacción do goberno municipal que ten ferramentas máis que suficientes para presionar a Albada debido a que a empresa non está a cumprir os pregos de condicións do contrato da concesión, xa que a porcentaxe de reciclaxe é moi baixa. No momento que o Concello anuncie que resarcirá á cidadanía descontando no recibo do lixo os días de folga e que debido ao incumprimento do contrato non pagará eses días á concesionaria, tal e como EU leva demandando dende que comezou o conflito, os tempos da negociación trocaran e se precipitará o ansiado acordo que todos os coruñeses e coruñesas desexamos.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “como o goberno municipal non medie na negociación de inmediato e con contundencia, non so permitirá o boicot que está a facer Albada á veciñanza, comerciantes e hostaleiros, senón que será cómplice”. Non cabe dúbida de que o goberno local tivo paciencia infinita no conflito laboral, pero esa posición de compraciencia coa concesionaria está a prexudicar seriamente os intereses da Coruña. Toca actuar de urxencia pois as posicións non variaron apesares de longas e duras horas de negociación debido a actitude prepotente da empresa que incluso permitiuse o luxo de deixar plantado ao Comité de Empresa nunha xuntanza acordada para o luns ás 17:00 h.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que a drástica e decidida política de redución de persoal de Albada demostra a súa intención de desmantelar o servizo de reciclaxe de refugallos, para converter Nostián nunha planta de transferencia de lixo, no último ano o cadro de persoal descendeu dende prácticamente 130 traballadores e traballadoras a 106, entre os 11 despedimentos, finalización de contratos, non renovacións ou falta de cobertura nas baixas. Agora coa intención de incrementar o horario dos traballadores pretende o despedimentos de outros 18 empregados, si xa non se reciclaba adecuadamente coa eliminación de postos de traballo a reciclaxe será mínima. O Concello non o pode permitir, ten que pular por preservar o emprego por riba dos intereses empresariais, sobre todo cando estamos a falar da concesión dun servizo á cidadanía pagado con cartos públicos.






