Este lume cae sobre un ámbito físico xa abondo maltratado e pouco aproveitado para desenvolver unha rede de espazos naturais que provean de fermosura e lecer a nosa veciñanza. O lume é un golpe moi duro, a falla de avaliacións definitivas, que se suma aos intereses económicos que firen a súa condición allea de espazo natural.
EU reclama un cambio na política da Xunta de Galicia de recortar no eido da prevención dos lumes, antipolítica do PP que esta fin de semana se está a cobrar un ámbito natural sobrasaínte: os recortes nos servizos de prevención e extinción, que resultan fundamentais, semellan hoxendía tan equivocados que pedimos a Feijóo que cambie o rumbo e acorde un cambio de 180 graos.
Os recortes inciden de xeito negativo no mantemento de postos de traballo e nos servizos de mantemento que evitan estes lumes que hoxe toca lamentar. Servizos e emprego que son necesarias para manter en condicións de seguridade a xigantesca riqueza natural e paisaxística da nosa terra, caso das fragas do Eume.
EU comarcal demanda unha investigación que permita clarexar as causas dun lume cuxas consecuencias catastróficas para un espazo que as persoas de Ferrolterra sentimos propio. Demandar que se persiga e castigue co rigor da lei as posibles derivacións económicas ou do tipo que foran que teñan producido este desastroso lume.
Esquerda Unida vai reclamar unha intervención pública específica da Xunta de Galicia en orde a restaurar as condicións anteriores ao lume das fragas do Eume, que evite calquera alteración do espazo ou especies e que se insira na potenciación dun parque natural cuxo valor como bosque atlántico termófilo semella incomparable no continente. Intervención pública que restaure e potencie o atractivo e pedagoxía deste paraxe.





