Incoherencia co GRUMIR

Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que faga público o informe técnico no que se solicita a creación da unidade, entendemos que si efectivamente é certo que existe un informe técnico que solicita e argumenta a necesidade da nosa cidade de contar cunha unidade de GRUMIR, o máis lóxico e coherente é que o goberno municipal o faga público para que a cidadanía poida comprobar a súa existencia así como a base argumental e criterios técnicos nos que se sustenta. Porque non é a primeira vez que o PP encarga informes ad hoc dos seus intereses partidistas para posteriormente desenvolver iniciativas políticas baseadas neses informes, non hai mais que recordar o sucedido coa mediana da Avda. de Oza cando o PP xustificou a súa caprichosa retirada en base a un informe que posteriormente a realidade e a propia xefatura do parque de bombeiros deixaron en interdito.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que ao tempo que a Xunta do PP participa na pantomima do goberno municipal, denega unidades GRUMIR a concellos pequenos que realmente si precisan destas unidades. Non debemos esquecer que os grupos municipais de intervención rápida son estruturas propias dos municipios que carecen de servizos de urxencias propios, é dicir que a Xunta de Galicia en compadreo co goberno municipal coruñés están a escatimar recursos a municipios que se atopan en precario para agasallar ao presidente provincial do PP, nunha nova mostra da incoherencia e inxustiza con que actúa o PP por intereses partidistas.

Diante das desafortunadas declaracións do voceiro do goberno municipal cando afirmou “Yo no sé si el PSOE, el BNG y EU-V piensan que gobernar un ayuntamiento es utilizar el dedazo para contratar a sus amigos. Esa, desde luego, no es la intención de este gobierno municipal”, o voceiro de EU-V, César Santiso, denunciou que “logo da actitude co PXOM e os pelotazos urbanísticos que está a promover, o goberno do PP está carente de argumentos para dar leccións de moralidade”

Esquerda Unida considera que a creación da unidade GRUMIR suporá un malgasto e xerará descoordinación nos servizos de emerxencia, debido a que non so solápanse funcións coas dos bombeiros, senón que ao participar distintos corpos xerarase descoordinación a hora de desenvolver traballos en conxunto, senón que ademais incrementarase o gasto en material de comunicación, instalacións, gastos correntes, formación separada, etc. Non cabe dúbida que con esta medida o PP aposta polos chiringuitos municipais que duplican servizos e incrementan custes para colocar a persoal de confianza da súa corda”. Así pois semella inaudito que o goberno municipal que basea a súa acción política na austeridade, dedíquese a crear novos corpos con solapamento de funcións, cando de todos é sabido que este tipo de políticas resultan ineficientes.

Para Esquerda Unida esta e outra maneira de privatización encuberta e progresiva, neste caso o PP ataca aos servizos de seguridade municipais. Porque non debemos esquecer que Protección Civil é un corpo de voluntarios ao que se lle están outorgando unhas funcións que nunha cidade como A Coruña, deberían estar asumidas por un corpo profesional de funcionarios, como o de bombeiros. No caso de ser certo que se necesitan mellorar os servizos de emerxencia para incrementar a seguridade da cidadanía, EU-V propón que se creen as prazas necesarias de funcionarios para desenvolver o servizo correctamente baixo a dirección e coordinación da xefatura do parque de bombeiros.

 

Relacionados